Libraría

A escritora Bibiana Collado presenta «Yeguas exhaustas» na Libraría

A escritora Bibiana Collado Cabrera presentará o próximo venres 2 de xuño ás 20:30 a súa novela Yeguas exhaustas publicada por Pepitas de calabaza & Los aciertos. A autora estará acompañada polo escritor Ismael RamosA entrada é libre ata completar aforo. 

Unha nai, cos dedos ríxidos de triar laranxas nun almacén e limpar pisos de vacacións doutros. Unha filla, tamén cos dedos ríxidos, pero de teclear papers, tese e mil traballos académicos. E algo que non encaixa. A sensación de que debería estar a pasar algo que nunca chega a pasar. Yeguas exhaustas preséntanos un rosario de mulleres extenuadas. A falsa promesa do traballo duro faise anacos entre estas páxinas mentres soan Camela ou Estopa. Esta é a historia dunha filla que ten unha relación de parella dura, que pensa nas feridas do corpo, nas tremendas diferenzas de clase e as súas implicacións, no clasismo do «mundo da cultura», no acceso ao mercado laboral, na endogamia universitaria e, en definitiva, no avariado ascensor social. Esta novela trata de maneira certeira o paso do século XX ao XXI en España a través da propia experiencia e lévanos a situacións vividas e sentidas como individuais que, en realidade, son colectivas. Tan ben contadas, tan reais, que por momentos esquécesenos que estamos ante unha novela. Na presentación, que terá lugar o venres 2 de xuño ás 20:30, a autora Bibiana Collado estará acompañada polo escritor Ismael Ramos. A entrada é libre ata completar aforo. 

Bibiana Collado Cabrera naceu en Borriana, Castelló da Plana, en 1985. Licenciada en Filoloxía Hispánica e doutora en Literatura Hispanoamericana. Na actualidade é profesora de Lingua e Literatura. No ámbito da escritura poética obtivo numerosos recoñecementos polos seus libros Como si nunca antes (Pre-Textos); El recelo del agua (Rialp); e Certeza del colapso (Ediciones Complutense). O seu último poemario, Violencia (La Bella Varsovia),foi reimpreso en varias ocasións. Yeguas exhaustas é a súa primeira novela.