Libraría

Brais Lamela presenta «Ninguén queda» na Libraría NUMAX

O próximo mércores 27 de xullo ás 19.30 da tarde a Libraría NUMAX acollerá a presentación de «Ninguén queda» de Brais Lamela. Esta novela é o primeiro título da nova colección Rúa do Lagarto que edita euseino?. No acto o autor estará acompañado da editora Berta Dávila e de Carlos Lema, presidente da Fundación Euseino?. A entrada é libre ata completar aforo. 

O primeiro título co que bota a andar a colección Rúa do Lagarto da Fundación euseino? é Ninguén queda de Brais Lamela, unha novela que nos sitúa entre o verán sufocante de Nova York e as montañas neboentas de Negueira de Muñiz, e na que seguimos os pasos dun mozo galego na metrópole nor­teamericana mentres rastrexa a historia dunha muller desaparecida nos asentamentos de colonización da Terra Chá levantados pola ditadura na década de 1960. Cunha linguaxe interrompida, que transita e hibrida as fórmulas do ensaio interpretativo e as estratexias da ficción, Brais Lamela escribe unha obra sobre o arraigamento e a intersección de mundos, unha arquitectura literaria sutil que atopa novas posibilidades de escritura e asume desvíos e fracasos, un artefacto impuro, crebadizo, conmovedor. A presentación terá lugar no espazo da Libraría o mércores 27 de xullo ás 19:30h da tarde, nela o autor estará acompañado de Berta Dávila, editora e directora da colección Rúa do Lagarto, e de Carlos Lema, presidente da Fundación Euseino?. A entrada é libre ata completar aforo. 

Brais Lamela (Vilalba, 1994) viviu en Galicia ata os dezasete anos. Posteriormente, formouse en literatura comparada e historia nas universidades de Cambridge, Reino Unido, e Brown, nos Estados Unidos, grazas a diversas bolsas de estudo. Acadou premios literarios coma os Minerva, Ánxel Casal e Xuventude Crea. Actualmente, cursa un doutoramento en literatura na Universidade de Yale, onde tamén exerce a docencia. Ninguén queda é a súa primeira obra publicada.