Libraría

Aberta a inscrición para o segundo cuatrimestre do club de lectura NUMAX – Irmás Cartoné

Comezamos a preparar á volta das vacacións abrindo o prazo para inscribirse no club de lectura NUMAX - Irmás Cartoné. O segundo bloque, que terá lugar de setembro a decembro, tratará sobre as maternidades e as relacións materno-filiais e estará conducida polas editoras Carlos Valdés e Celia Recarey. O club será de inscrición gratuíta. A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

«O gran encanto da conversa non consiste tanto na demostración da sagacidade e da intelixencia propias, senón no poder de sacar á luz o enxeño dos demais.»

Jean de la Bruyère

Despois da boa acollida do primeiro bloque do club de lectura, a libraría NUMAX e a editorial Irmás Cartoné queremos invitar novamente a persoas interesadas a participar no segundo bloque temático, que se celebrará de setembro a decembro de 2022. A dinámica é moi sinxela: trátase de ler unhas obras propostas e reunírmonos unha vez ao mes, no acolledor ambiente da libraría NUMAX, para conversar sobre elas. Para iso vos propoñemos unha nova serie de catro encontros arredor dunha nova temática: as maternidades e as relacións materno-filiais tal como as recollen os seguintes catro títulos: Os seres queridos, de Berta Dávila (Xerais, 2021); Las abandonadoras, de Begoña Gómez Urzaiz (Destino, 2022); Nada se opone a la noche, de Delphine de Vigan (Anagrama, 2012); O verán que miña nai tivo os ollos verdes, de Tatiana Țîbuleac (Rinoceronte, 2022).

Nesta ocasión, non haberá reunión informativa previa. As persoas que queiran participar terán que inscribirse no correo electrónico [email protected] indicando o nome, apelido e contacto de teléfono. As persoas que consigan praza recibirán un correo de benvida e un texto introductorio para afrontar a lectura do primeiro título, Os seres queridos de Berta Dávila, que se comentará na primeira sesión da actividade o martes 6 de setembro ás 20h00 na Libraría NUMAX. Unha sesión que contará coa presenza da autora. A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

Máis información de interese:

  • As sesións serán de periodicidade mensual, cunha duración de aproximadamente dúas horas e terán lugar na libraría NUMAX. Con respecto a súa celebración, establecemos un pequeno cambio. As reunións do club faránse o primeiro martes de cada mes ás 20.00 da tarde
  • Inscrición gratuíta.
  • A libraría ofrecerá un 5% de desconto ás persoas que se anoten no club de lectura e que queiran mercar os libros propostos en NUMAX.