Librería

A libraría NUMAX organiza unha conversa con Anna Mayer e Jorge Guitián no Black Cat

A Libraría NUMAX organiza unha conversa entre os divulgadores gastronómicos Anna Mayer e Jorge Gutiián a partir do libro De lentejas y caviar (Col&Col). Celebrarase o venres 10 de abril ás 19:00h no café Black Cat (Rúa de San Pedro, 3). A entrada é libre ata completar aforo.

A forma de cociñar e de comer varía segundo os cambios que se producen a nivel socioeconómico, as cociñas son un reflexo do que acontece fóra delas. Incorpóranse modas gastronómicas, alimentos ou técnicas de cociñar doutras culturas. Polo tanto, que é a tradición cando se fala de gastronomía e que criterios se poden usar para definila? 

Comer é unha necesidade básica que está atravesada por factores culturais, sociais e adquisitivos, pero tamén é unha profesión compartida por pequenos restaurantes, alta cociña e cociñeiros mundialmente recoñecidos. Que relación e impacto teñen sobre a cultura gastronómica? E que relación gardan co entorno que os rodea? Hai formas de gastronomía que se poidan considerar arte?

Cada vez é máis frecuente que os encontros arredor de comida que antes sucedían nas casas, teñan lugar agora en espazos de restauración. Como escollemos a onde ir? Que peso teñen na nosa decisión as reseñas, influencers e xornalistas gastronómicos? Cal é a situación da crítica gastronómica?

Estas son algunhas das cuestións que poden aparecer no encontro entre Jorge Gutiián e Anna Mayer, pero como todas temos boca e todas temos barriga, este encontro busca ser un diálogo aberto no que reflexionar en conxunto sobre temas que nos rodean moi de preto.