Libraría

Dolores Vilavedra e Kathleen March presentan «8 ensaios sobre Rosalía» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de 8 ensarios sobre Rosalía (Galaxia) o xoves 5 de marzo ás 19:00h con Dolores Vilavedra e Kathleen March. A entrada é libre ata completar aforo.

Coa celebración do seu 75 aniversario, Editorial Galaxia recupera o espírito  innovador que demostrou nas súas publicacións dende 1950, traendo ao lectorado de hoxe moitas destas obras que supuxeron unha renovación do mundo cultural galego, e por extensión, tamén da súa sociedade, grazas a Biblioteca 75 anos. O novo volume desta colección, recupera os 7 ensaios sobre Rosalía, publicados por Galaxia en plena posguerra, e que dan testemuño da persistencia de Rosalía de Castro na memoria cultural galega, un fenómeno que ilustra o principio xeral de que o pasado é un asunto do presente. Aos ensaios orixinais incorpórase un oitavo, obra da poeta, investigadora e profesora Maria do Cebreiro Rábade Villar.

Dolores Vilavedra (Vigo, 1963) é profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago, directora adxunta do Anuario de Estudios Literarios Galegos e coordinadora do Dicionario da literatura galega. A súa extensa actividade como académica e investigadora complétase cun amplo labor nos campos da crítica literaria, a edición de autores galegos e a tradución.

Kathleen Nora March (Rochester, Estado de Nova York, 1949) é unha das principais estudosas das letras galegas no ámbito angloamericano. Catedrática emérita de Español na University of Maine e directora do Centro de Estudos Galegos de dita universidade, foi a primeira presidenta da Galician Studies Association (actual Asociación Internacional de Estudos Galegos) e traduciu obras do galego ao inglés de autoras e autores de distintas xeracións que contribuíron de forma notable á proxección internacional da literatura galega. Por todas estas achegas recibiu o Premio Cultura Galega de Proxección Exterior no ano 2015 e foi elixida membro de honra da Real Academia Galega no ano 2022.