Emilio Cendón presenta «Delante de Las meninas» na Libraría NUMAX
A Libraría NUMAX acolle a presentación do libro Delante de Las meninas (Caniche) de Emilio Cendón o vindeiro xoves 28 de novembro ás 19h00. O autor estará acompañado da editora Laura Sáez. A entrada é libre ata completar aforo.
Unha descomunal copia de Las meninas a tamaño real instalouse no salón dun pequeno apartamento madrileño na praza de Tirso de Molina. Cada día e durante oito anos, Emilio Cendón, que estudou Belas Artes pero decidiu abandonar toda práctica artística, conviviu coa infanta Margarita, con Diego Velázquez e cos reis no espello para tentar entender por que o pintor sevillano dedicou os últimos anos da súa vida a un cadro que, aparentemente, non reflicte máis que unha escena menor da vida no palacio.
A través do estudo das súas obras anteriores, do testemuño da memoria de pinturas que Velázquez redactou explicando as obras de arte que atesouraba a corte española —como os caprichos de Tintoretto e Veronés— e da análise de pezas doutros artistas, como Leonardo ou Van Eyck, o autor recrea unha investigación fascinante e obsesiva, case policíaca, que consegue atar cabos e ofrecernos pistas para entrar na mente dun xenio de enorme influencia na arte contemporánea e lograr comprender, por fin, por que e para quen pintou Las meninas.
Este libro, persoal e afastado do académico, é tamén unha crónica deses anos en compañía de Las meninas, así como das viaxes para atopar as súas claves. Infestado de minuciosas reproducións a lapis feitas polo autor, este texto xerará no lector unhas irrefreables ganas de ir a El Escorial, a Milán, a Londres e, sobre todo, de volver visitar o Museo do Prado para situarse diante de Las meninas... e que todo cambie.
Emilio Cendón (Vigo, 1977) formouse na Facultade de Belas Artes da Universidade do País Vasco e iniciou unha carreira como artista. En 2012 decidiu abandonar toda práctica e, desde entón, traballa como fotógrafo inmobiliario. En 2016 comezou a manifestarse a súa obsesión con Diego Velázquez e iniciou un proceso de procura de respostas a múltiples interrogantes ao redor da súa pintura. Delante de Las meninas é o seu primeiro libro e supón a súa volta ao mundo da creación.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Parthenope
VOSE
-
-
Parthenope
VOSE