Cinema

Encontro A cor das palabras con Helena Girón e Samuel M. Delgado

Seguimos a bo ritmo no encontro A cor das palabras que organizamos co Concello de Santiago. O domingo 15 de maio ás 11:30 contaremos coa presenza da directora galega Helena Girón e o canario Samuel M. Delgado que compartirán o proceso creativo de Eles transportan a morte.

Unha semana despois do estupendo encontro coa montadora Ana Pfaff, celebramos a segunda cita do ano co encontro A cor das palabras, un ciclo organizado polo Concello de Santiago e NUMAX que permite ao público da cidade coñecer de preto o proceso creativo dalgúns dos creadores máis suxestivos do cinema actual. O domingo 15 de maio será a quenda de Helena Girón e Samuel M. Delgado que nesta fin de semana estrean en salas Eles transportan a morte, magnético relato alternativo ao mito das viaxes de Colón filmado entre Galicia e Canarias, terras de orixe dos cineastas. O filme chega á carteleira tras un percorrido exitoso en festivais, con premios en Venecia e Donostia entre outros certames.

O encontro leva por título Volcáns, ruínas, cinzas, lava, reverdecede. Campos queimados, cubrídevos de flores, e preséntase desta maneira polos seus autores: «Pensamos o cinema como unha invocación, como un lugar no que o tempo e o espazo estalan, dando pé a lecturas novas e visións alucinadas. Tamén como un medio plástico e de gran poder evocativo, que nos permite encarnar aquelas ideas, relatos ou especulacións, que dalgunha forma nos influenciaron e sacudiron ao longo destes anos. Durante este encontro, buscaremos invocar este magma do que saíu Eles transportan a morte, lembrando algúns dos referentes que nos acompañaron e axudaron durante o seu proceso de escritura e formalización».

Coma sempre o acceso ao encontro é gratuíto até completar aforo pero podedes reservar praza en [email protected]

A fin de semana de Girón e Delgado en NUMAX completarase na tarde do sábado 14, cunha sesión especial das súas curtametraxes e coa presentación e coloquio dunha sesión de Eles transportan a morte.

As autoras
O traballo de Helena Girón (Santiago de Compostela, 1988) e Samuel M. Delgado (Tenerife, 1987) investiga nas relacións entre mitoloxía, historia e materialismo. A súa primeira longometraxe, Eles transportan a morte (2021), foi estreada e premiada nos festivales de Venecia e San Sebastián. Despois, foi seleccinado en festivais internacionais como Rotterdam, El Cairo, Mar del Plata, Viennale, Hamburgo ou Sao Paulo. As súas curtametraxes previas mostráronse en festivais como Tortono, Locarno, Nueva York ou Ann Arbor entre moitos outros. Realizaron instalacións e performances en centros de arte como CCCB (Barclona), BAM (Nueva York), TEA (Tenerife) ou Solar (Vila do Conde).