Encontro con Sani Ladan na Libraría NUMAX
A Libraría NUMAX acolle o encontro con Sani Ladan, escritor e especialista en política exterior, arredor dos seus libros El latir de un continente (Plaza&Janés) e La luna está en Duala (Plaza&Janés) o xoves 18 de xuño ás 19:00h. O evento está organizado pola Asociación Plataforma polo Emprego, no marco do Programa Compostela Convive, financiado pola UAMI - Concello de Santiago. A entrada é libre ata completar aforo.
Sani Ladan é africano de orixe camerunesa. Graduado en Relacións Internacionais, diplomado en Ciberintelixencia e cun máster en Liderado, Diplomacia e Intelixencia, conxugou formación académica e experiencia práctica no mundo global. Ademais, foi asesor no gabinete da ministra de Dereitos Sociais do Gobierno de España no 2021.
Como analista xeopolítico, conferenciante e divulgador, dedica o seu traballo ao exame crítico das dinámicas africanas, as políticas migratorias, os dereitos humanos e a seguridade nas fronteiras europeas. Panafricanista comprometido, tamén colabora coa asociación Elín en Ceuta e forma parte do padroado da FUNDEC, dúas organizacións que defenden os dereitos das persoas migrantes.
Así mesmo, é creador do pódcast África en 1 click e colaborador habitual no programa Mañana más de Radio Nacional de España, desde onde impulsa unha narrativa diferente sobre África e as diásporas africanas.
No seu libro La luna está en Duala (Praza&Janés, 2023) ofrece unha reflexión estratéxica e penetrante sobre a relación asimétrica entre Europa e África, así como sobre as migracións, o coñecemento e a xustiza epistémica. En El latir de un continente (Plaza&Janés, 2026) propón unha mirada ampla e documentada que sitúa a África no centro da súa propia narración.
- Hoxe
- Ver máis