Cinema

Encontro «A cor das palabras» con Jaione Camborda en conversa con Xisela Franco

O cuarto encontro do ano no ciclo A cor das palabras que organizamos co Concello de Santiago ten como gran protagonista a directora d'O corno Jaione Camborda que conversará coa artista e cineasta Xisela Franco. Será o sábado 21 de outubro ás 11:30h.

Na súa segunda longametraxe tras Arima a directora vasca afincada en Santiago Jaione Camborda vén de conquitar a crítica e xurado no Festival de San Sebastián onde O corno gañou a Cuncha de Ouro sendo o primeiro filme falado en galego e o primeiro dirixido por unha directora española en conquistar o galardón. O filme lévanos á Illa da Arousa en 1971 onde vive María, unha muller que se gaña a vida mariscando pero que tamén é coñecida por axudar a outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Tras un inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que a fará loitar pola súa supervivencia.

«Á vez efectiva como sutil alegato a favor do dereito da muller a decidir sobre o seu propio corpo (...) e o tipo de historia de supervivencia capaz de facer que as uñas se nos craven á butaca» (Nando Salvà, El Periódico)

No encontro A cor das palabras organizado co Concello de Santiago Camborda afondará nos procesos creativos e os materiais de traballo que deron lugar a O corno. O encontro terá un formato de conversa coa tamén cineasta e artista Xisela Franco, nun diálogo aberto tamén ao público asistente.

A actividade terá lugar o sábado 21 de outubro ás 11:30h con acceso gratuíto até completar aforo. Pódese reservar entrada no correo [email protected].

Jaione Camborda

A directora d'O corno inicia a súa formación nas escolas de cinema de Praga (FAMU) e Múnich (HFF) para instalarse axiña en Galicia onde funda a súa propia produtora, Esnatu Zinema. Aquí asina suxestivas pezas curtas rodadas en celuloide como Proba de axilidade, Nimbos, Lilit ou Rapa das bestas. En 2019 produce, guioniza e dirixe a longametraxe Arima, que tras o seu paso por San Sebastián foi merecedora do Premio a Mellor Dirección en Nuevas Olas Sevilla e na sección escáner de Márgenes. Jaione participou ademais como guionista das longametraxes Os fenómenos e Ons, ambas dirixidas por Alfonso Zarauza e traballou como directora de arte de varias longametraxes. Neste 2023, tras a súa première en Toronto, a directora fixo historia coa Cuncha de Ouro de San Sebastián, sendo a primeira directora española e a primeira longametraxe falada en galego en acadar o galardón.

Xisela Franco

Xisela Franco é unha artista e cineasta cuxo traballo se atopa na intersección entre o cinema e arte contemporánea, sempre na procura de novos camiños para cuestionar a identidade do cinema e redefinila. A súa obra, que inclúe unha trintena de documentais e pezas artísticas, percorreu museos e festivais internacionais, levando premios como Mellor Documental Español en Documenta Madrid. O seu compromiso co cinema das marxes e o feminismo lévana a lanzar iniciativas como Cinema e Muller, ou programar para festivais como PlayDoc ou S8 Mostra de Cinema Periférico.