Cinema

Encontro A cor das palabras con Paulino Viota: «A herdanza do cinema, historia das formas»

O encontro A cor das palabras organizado polo Concello de Santiago en colaboración co Cinema NUMAX contará cun convidado moi especial. O profesor, teórico e cineasta Paulino Viota debullará o cinema de John Ford a partir da análise d'A lexión invencíbel. O encontro leva por título A herdanza do cinema, historia das formas, e terá lugar o sábado 29 de febreiro ás 11:30 no Cinema NUMAX. Reservas en [email protected].

Paulino Viota (Santander, 1948) é unha das figuras máis reputadas e lendarias da cinefilia española. O cineasta cántabro deuse a coñecer como un dos autores máis brillantes da escena underground dos 70, en obras como Duración (1970), Contactos (1970), Con uñas y dientes (1977) ou Cuerpo a cuerpo (1984).

Desde a década dos 80 até os nosos días, se ben non dirixirá novos filmes, continuará un fondo traballo de estudo e divulgación da linguaxe cinematográfica. Como docente imparte aulas na Universitat Pompeu Fabra, o Centre d’Estudis Cinematogràfics de Catalunya ou a escola Bande à part de Barcelona, ao tempo que acada un gran prestixio como relator en diferentes institucións culturais e cinematográficas. O seu labor crítico vén de ser recompilado no libro La herencia del cine (Edicións Asimétricas, 2020), primeira antoloxía da obra escrita de Viota que dá boa conta da súa ollada apaixonada e detallista.

Citas con Paulino Viota en NUMAX

O encontro A cor das palabras terá lugar na matinal do sábado 29 de febreiro e nel o profesor cántabro profundizará na obra dun dos seus cineastas de cabeceira: o gran John Ford. A sesión terá como referencia A lexión invencíbel (She Wore a Yellow Ribbon), unha das obras máis reputadas do director de orixe irlandesa, que será proxectado no serán do venres 28 en NUMAX.

O acceso ao encontro é libre até completar aforo e podes reservar praza escribindo a [email protected], indicando nome completo e número de contacto.

A continuación deixamos detalle de todas as citas con Paulino Viota en NUMAX:

  • Venres 28 ás 20:00, na Libraría NUMAX:
    Presentación de La herencia del cine, coa presenza do seu autor, Paulino Viota, e José Manuel Sande, programador do CGAI.
     
  • Venres 28 ás 21:45, no Cinema NUMAX:
    Proxección d'A lexión invencíbel (She Wore a Yellow Ribbon), con presentación de Paulino Viota. Reserva de entradas aquí.
     
  • Sábado 29 ás 11:30, no Cinema NUMAX:
    Encontro A cor das palabras con Paulino Viota.