Foco Chris Marker: viaxeiro, poeta, cineasta
A nosa sección de Repertorio na recta final de 2025 vai estar dedicada á obra de Chris Marker, un dos máis grandes documentalistas do século XX cuxa obra oscila entre a memoria persoal e a historia colectiva e que na súa tarxeta de presentación se definía como viaxeiro, poeta e cineasta. A súa inimitable mirada levouno a ser considerado como o pai do ensaio cinematográfico, cuxa máxima expresión podería ser Sans soleil, a obra coa que arranca este foco e que contará coa presentación do profesor e cineclubista Iván García Ambruñeiras.
Calendario de proxeccións
Luns 24 de novembro | 19:45h
Sans soleil (100', 1983)
Probablemente a obra mestra de Chris Marker. Un fascinante documental experimental que a xeito de diario de viaxe reflexiona sobre a imaxe e a memoria. O pase será presentado por Iván García Ambruñeiras.
Martes 2 de decembro | 19:50h
La Jetée (28', 1968) + A embaixada (20', 1963) + A sexta cara do pentágono (25', 1969)
Tripla sesión de curtametraxes que arranca con La Jetée, influente obra de ciencia ficción que explora o poder da memoria a través dunha narrativa composta por fotos fixas. Seguimos con A embaixada, a resposta de Marker ao golpe de Estado de Pinochet e concluímos con A sexta cara do Pentágono, emocionante retrato do movemento estudantil contra a Guerra do Vietnam.
Martes 9 de decembro | 19:30h
A soidade do cantante de fondo (62', 1974) + Casco azul (26', 1995)
Sesión dobre que arranca con A soidade do cantante de fondo, persoal retrato do actor e cantante Yves Montand nun concerto en apoio aos refuxiados chilenos en Francia. Completa a sesión Casco azul, análise áspera e sen concesións sobre a incongruencia do exército dos cascos azuis na Guerra dos Balcáns.

Martes 16 de decembro | 19:35h
Level Five (110', 1997)
Laura, unha programadora, recibe un encargo póstumo do seu xefe: contemplar un videoxogo sobre a batalla de Okinawa. A medida que investiga e se mergulla nos horrores da guerra, a liña entre a realidade e a ficción difumínase, levándoa a unha fonda reflexión sobre a memoria, a historia e a tecnoloxía. Presentación a cargo do profesor e programador de cinema Julio Vilariño.
Martes 23 de decembro | 19:55h
Recordos dun porvir (42', 2001) + Gatos pendurados (59', 2003)
Dobre sesión de mediametraxes composta por Recordos dun porvir, ensaio visual que fusiona memoria e historia a través das fotos de Denise Bellon, e Gatos pendurados, unha meditación poética sobre a memoria colectiva, a resistencia e a beleza inesperada en medio do caos.