Libraría

A Libraría NUMAX obtén o selo «libraría de calidade»

110 librarías de toda España, das cales só seis son galegas, contan con esta certificación que outorga cada ano Acción Cultural Española (AC/E) e a Asociación de Cámaras do Libro de España. En 2019 NUMAX, que cumprirá en 2020 cinco anos de existencia, acadou un estoc dispoñíbel de sete mil títulos diferentes e máis de 30 mil títulos no seu catálogo, sempre en crecemento.

Doce novos estabelecementos de todo o Estado, entre eles a Libraría NUMAX, veñen de obter o selo “librarías de calidade’, unha iniciativa que recoñece a importancia das librarías na cadea do libro cada ano, así como o seu papel como axentes culturais necesarios para a existencia de pluralidade editorial e o fomento da lectura.

Desde que se puxo en marcha este certificado, foron máis de 220 as librarías de toda España que realizaron a auto avaliación previa ao inicio do proceso de concesión do distintivo. Polo de agora 110 librarías contan co selo, das cales só 6 son galegas, o que supón todo un reto e un gran orgullo para a cooperativa NUMAX, que integra, ademais da libraría, un cinema e un laboratorio de comunicación, gráfica e vídeo e que o próximo ano cumprirá cinco anos de existencia.

Selo de Calidade

O Selo de Calidade de Librarías naceu a finais de 2015 co obxectivo de distinguir, incentivar e premiar a excelencia da actividade libreira. Para iso, auditores externos avalían para o comité de certificación a pluralidade bibliográfica, o fondo, as actividades culturais realizadas, a relación entre a libraría e outros axentes, a prescrición, etcétera, respectando o seu proxecto e peculiaridades. Estes indicadores sinalan aspectos determinantes para unha libraría de calidade, así como para introducir posíbeis melloras nos establecementos.

Trátase dunha iniciativa que está apoiada por Acción Cultural Española (AC/E) e a Asociación de Cámaras do Libro de España, que integra as principais asociacións do sector do libro: a Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), a Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros (CEGAL), a Federación de Asociacións Nacionais de Distribuidores de Edicións (FANDE) e a Federación Empresarial de Industrias Gráficas de España (FEIGRAF).