Libraría

Luz Pichel presenta «Tu existe» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de Tu existe (La uÑa RoTa) de Luz Pichel o mércores 8 de maio ás 19h30. A autora estará acompañada da poeta Branca Novoneyra, o editor Carlos Rod, a fotógrafa Ximena Garrigues e o director artístico Mateo Feijoo. A entrada é libre ata completar aforo.

Tu existe é un lugar de encontro, que se orixina dentro un proxecto chamado O espello da memoria no trazo da palabra, entre a poeta Luz Pichel e a ilustradora María Puertas e os veciños de Vilar de Bande na comarca da Baixa Limia. Poemas e debuxos buscan penetrarse na memoria a partir dun diálogo aberto que nos conecta coa tradición oral e o saber popular.

Este proxecto é participativo e indaga en formas artísticas diversas: o vídeo, a fotografía, o son, a palabra… que se combinan de diferentes xeitos para deixar unha pegada no entorno, e expandir a posibilidade de descubrir novas lecturas do cotián. Os maiores e os mais novos dialogan ao mesmo nivel para por en común lembranzas e resaltar a importancia de feitos aparentemente desprovistos de significado. 

Luz Pichel (Alén, Lalín, Pontevedra, 1947) alterna a súa residencia habitual en Madrid, onde vive desde 1970, con pequenas temporadas de descanso na súa aldea de Alén. Filóloga, catedrática de Lengua e Literatura española e poeta. É autora dos libros El pájaro mudo (Ediciones La Palma, 1990; I Premio de poesía “Ciudad de Santa Cruz de la Palma”); La marca de los potros (Diputación de Huelva, 2004; XXIV Premio hispanoamericano de poesía Juan Ramón Jiménez); Casa Pechada (Fundación Caixa Galicia, 2006, XXVI Premio Esquío de Poesía); El pájaro mudo y otros poemas (2004); Cativa en su lughar/casa pechada (Progresele, 2013), tra(n)shumancias (La Palma, 2015); CO CO CO U (La uÑa RoTa, 2017), Din din don y más Hortensias azuis (Cartonera del escorpión azul, 2021) e ALÉN ALÉN (La uÑa RoTa, 2022).