Ven celebrar o 9º aniversario de NUMAX!
A cooperativa NUMAX cumpre nove anos e, coma sempre, queremos celebralo con todas vós cunha xornada de portas abertas na que haberá música, proxeccións, pinchadas, obradoiros e moitas máis sorpresas. A cita é o domingo 26 de maio ao longo de toda a xornada. Agardámoste!
Como sabes, en marzo de 2015 abriamos as portas de NUMAX para compartir con todas vós un novo proxecto cooperativo e achegar o noso grao de area á vida cultural da cidade. Nove anos (e un par de meses) despois queremos convidarte a celebrar o noso noveno aniversario nunha xornada de portas abertas que se alongará durante todo o domingo 26 de maio nas instalacións do Cinema e a Libraría. Con esta celebración queremos agradecer a vosa colaboración e apoio durante todos estes anos e pasarmos xuntas un feliz domingo.
A xornada comezará ás 12:00h con dous concertos programados polo Liceo Mutante, un proxecto cultural autoxestionado que adoramos e ao que queremos transmitir todo a nosa forza e agarimo para a posta a punto da súa nova casa en Pontevedra. Da súa man escoitaremos a Zunzún, unha proposta de música improvisada que explora novos timbres e xoga coas repeticións. Habitualmente formado por Álex Losada, Che Garrido e Solla, desta volta sumarán as percusións de Berto e Alén para ampliar as súas indagacións rítmicas. De seguido escoitaremos a Columna Vegana, o dúo de Mollavao formado por Corbi (guitarras e sintetizadores) e Estevo (voces) cuxas cancións, segundo eles confesan "falan do cotián: o horóscopo, as eleccións xerais ou o amor, o agora e o aquí. Bailar por non chorar". Ambos concertos celebraranse na sala de cinema con entrada gratuíta até completar aforo. Podes reservar praza enviando un correo co asunto "Reserva Zunzún + Columna Vegana" a [email protected]. Ás 13:30h moverémonos á Libraría para bailar rumba ao ritmo que marque DJ Bigote Mix nunha pinchada para a que non cómpre reservar praza.
Xa pola tarde continúan as actividades dirixidas a todos os públicos. Ás 17:00h na Libraría arrancará un obradoiro de fanzines coas amigas de Guísomo eu! O taller, que se prolongará até as 20:00h, terá unha primeira parte de exposición sobre formatos e estruturas habituais dos fanzines, e un segundo bloque coa creación de flipbooks a partir de escenas de películas.
Por suposto, non faltará o cinema neste noveno aniversario. Ás 17:30 haberá unha proxección sorpresa a cargo de tres cineclubs universitarios que manteñen durante todo o curso unha actividade continua con suxestivas programacións. Referímonos aos cineclubs Mazarelos, Facom e CineFilo, que presentarán cadansúa curtametraxe representativa das súas liñas de programación. De novo, esta actividade terá entrada gratuíta até completar aforo con reserva de praza no correo [email protected] co asunto "Sesión cineclubs".
Tamén contaremos coa colaboración de Do Paraná - Espazo Serigráfico para a impresión de bolsas exclusivas do evento. A xornada completarase coa proxección do filme de carteleira Segundo premio, de Isaki Lacuesta, ás 20:00h con entrada gratuíta para as persoas abonadas de NUMAX. A reserva para abonadas efectuarase de maneira exclusiva na propia billeteira ou enviando un correo co asunto "Reserva abonadas" ao mesmo correo: [email protected].
Non queremos deixar de agradecer a colaboración de todas as entidades sinaladas, ás que engadimos o apoio de Colapso Colectivo, a distribuidora Avalon, Cósmica Producións e a cineasta Lucía Estévez.
Non faltes á cita!