Libraría

Claudia Polo presenta «Entorno» coa Libraría NUMAX en aCafé

Claudia Polo (@Soulinthekitchen) presentará Entorno (Destino) o vindeiro mércores 22 de maio ás 19h00 en aCafé (Praza de San Fiz de Solovio). A autora estará acompañada da escritora e veterinaria María Sánchez. A entrada é libre ata completar aforo.

Ao día seguinte, xoves 23 de maio, Claudia Polo conversará con Jorge Guitián no encontro «A cidade comida: nutrirse en tempos de cemento».

Entorno é un espazo para o coñecemento e a improvisación na cociña, porque cando sabes como funcionan certos aspectos dos alimentos e as diferentes maneiras de cociñalos, podes empezar a probar e inventar. É importante coñecer as técnicas: desde as elaboracións máis básicas ata os procesos que ocorren na tixola; isto permítenos cociñar ao noso antollo, co que temos na casa, sabendo o que queremos obter e como debemos facelo. Doutra banda, é igual de importante coñecer todas as implicacións ambientais, sociais e culturais da cociña: isto permítenos tomar decisións que xeren cambios positivos, comprar consecuentemente e ser conscientes de como as nosas decisións alimentarias impactan na contorna.

Entorno é cociña para dentro e cociña para fóra. É cociña que sabe onde se atopa, que coida da persoa que cociña e que coida do que lle rodea.

Claudia Polo sempre baila na cociña. É onde mellor aprendeu a relacionarse co que a rodea e consigo mesma e, por iso, é tamén desde onde quere ensinar e comunicar o que é a gastronomía para ela. Soul In The Kitchen é o proxecto onde educa nunha alimentación consciente a través da creatividade e unha relación sa co noso corpo e ecosistema. Estudou o grao en Gastronomía e Artes Culinarias no Basque Culinary Center e ao longo destes anos traballou en Comunicación Gastronómica, como profesora de cociña, en restaurantes e nun bosque sueco onde cociñaban en fogueiras xunto a un lago. Escribe, moitas veces en caderno, profesionalmente en El Comidista, El País Gastro, Hambre Magazine. O seu primeiro contacto coa edición foi a través de Mañanitas: desayunos y rituales, un libro autopublicado que trata o momento do almorzo como un ritual. Colabora en Aragón Radio e Radio Zaragoza. Gústalle facer cousas con xente, ter ideas e levalas a cabo. E ser anfitrioa: na súa mesa sempre haberá un oco libre.