Libraría

A Libraría NUMAX gaña o Premio Libraría Cultural 2026

A libraría NUMAX vén de gañar o Premio Libraría Cultural 2026, outorgado pola Confederación Española de Gremios e Asociacións de Librarías (CEGAL), co apoio do Ministerio de Cultura, polo “seu compromiso cultural, a súa bibliodiversidade desde o xenérico e desde a propia cuestión idiomática, sendo moi reseñable a súa aposta pola lingua galega”. NUMAX é a primeira librería galega en introducirse nun palmarés con 27 anos de traxectoria que recoñece a labor de dinamización cultural das librarías de todo o Estado. 

Cunha superficie comercial de 45m2, a libraría NUMAX é un establecemento cultural singular que comparte un espazo total de 160m2 co cine do mesmo nome, co que vinculan o seu fondo, programando en conxunto. O Premio Libraría Cultural entrégase desde 1999 para recoñecer o traballo daquelas librarías que se caracterizan por realizar unha tarefa continua de dinamización cultural e de difusión do libro e da lectura dentro ou fóra do espazo físico da libraría.
 
O xurado —composto por Óscar Porral, vogal da Xunta Directiva de CEGAL, e Libraría Bandini de Bertamiráns; Almudena Amador, Librería Ramon Llull de Valencia, gañadora do Premio Libraría Cultural 2025; Raquel Anocibar, Libraría Chundarata de Pamplona, libraría proposta pola Xunta Directiva de CEGAL; Marta Martínez, Libraría Espazo Dykinson de Madrid, libraría proposta pola Xunta Directiva de CEGAL; Carlos del Amor, Premio Nacional de Xornalismo Cultural 2026; Lucía Álvarez, de Editorial Astiberri, Premio Nacional á Mellor Labor Editorial Cultural 2026; Alicia Martorell, Premio de Tradución Esther Benítez de 2025; o poeta Mario Obrero e Sara Sánchez, directora xerente, e Mónica Cabello, coordinadora técnica, como representantes do Equipo Técnico de CEGAL— elixiu á cooperativa galega NUMAX pola "súa atención á diversidade bibliográfica, á súa programación cultural interdisciplinar e o seu modelo cooperativo que suma e que ten un compromiso real coa cultura galega, que non se trata simplemente de organizar actividades culturais, senón realmente de vertebrar identidade e territorio”.
 
Pola súa banda, desde NUMAX as súas libreiras, Mariña de Toro, María Villamarín e Olaia Tubío, aseguran: “o Premio de Libraría Cultural dános moita forza, ilusión e ganas de seguir programando para o noso público. Nun contexto no que o futuro se ve tan incerto, un premio como este supón un alento, un pequeno empuxón para seguir afrontando as dificultades intrínsecas dun sector tan vulnerable. Estamos moi agradecidas a CEGAL e ao xurado por apoiar o noso proxecto, a nosa aposta por la bibliodiversidade, o pensamento crítico, a economía social e o compromiso co galego e a nosa cultura”.