Buster Keaton e Ub Iwerks no Nadal de Petís NUMAX
Achéganse das vacacións de Nadal e en NUMAX non nos esquecemos das máis pequenas da casa, cun programa especial de Petís NUMAX. Programaremos, en primeiro lugar, unha selección de Curtametraxes de Buster Keaton (sábado 21 e luns 23 de decembro) e descubriremos o talento de Ub Iwerks (domingo 22 e martes 24), un dos grandes pioneiros dos cartoons clásicos de animación a quen se lle atribúe a creación do personaxe de Mickey Mouse.
Arrancamos o noso especial de Nadal de Petís NUMAX cunha escolma de curtametraxes dun dos grandes creadores da comedia silente. "O gran cara de pau", apelativo co que adoitaba nomearse a Buster Keaton, comeza como actor de slapstick canda "Fatty" Arbuckle a finais da década dos 10. No inicio dos anos 20, Buster Keaton comeza a dirixir as súas propias películas, creando xeniais curtametraxes de dúas bobinas nas que axiña demostra que, alén dunha extraordinaria capacidade actoral, tamén era un gran director, capaz de imaxinar gags dun enxeño nunca antes visto.
Desta etapa rescatamos en copias restauradas tres das súas curtametraxes máis recordadas: O gardacostas (The High Sign), A barca (The Goat) e O chibo (The Goat). Un programa completo de pouco máis dunha hora no que a gargallada para petís e maiores está garantida.
A sesión contará con dous pases o sábado 21 ás 16:30h e o luns 23 ás 12:30h. Entradas xa á venda en web e billeteira.
A segunda proposta vainos descubrir a arte de Ub Iwerks na súa dobre faceta de animador e director. Iwerks foi un dos maiores talentos dos Estudios Disney desde os seus inicios, animando varias dos cartoons máis célebres dirixidos por Walt Disney e creando o universal personaxe de Mickey Mouse. Deste período proxectaremos as míticas Steamboat Willie, a curta que deu a coñecer a Mickey, e a maxistral The Skeleton Dance, incluída nas célebres Silly Symphonies da Disney.
Nos anos 30, Ub Iwerks establécese como produtor e director independente creando entre 1933 e 1936 a serie ComiColor Cartoons, cun anovador sistema cromático chamado Cinecolor. A esta etapa pertencen as curtas, tamén incluídas na sesión, Jack Frost, Balloon Land, Summertime, Sinbad the Sailor, The Three Bears e Tom Thumb.
A sesión de curtas de Ub Iwerks contará con dous pases o domingo 22 ás 16:30h e o martes 24 ás 16:00h.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Parthenope
VOSE