Encontro A cor das palabras con Alberto Gracia: «A imaxe que pensa»
O ciclo A cor das palabras, organizado polo Concello de Santiago e NUMAX, pecha 2024 cun dos grandes nomes do cinema galego actual. O ferrolán Alberto Gracia afondará no proceso creativo do seu filme La Parra nun encontro que leva por título «A imaxe que pensa» e que terá lugar o sábado 21 de decembro ás 12:00h.
Tras ser presentada internacionalmente na Sección Oficial de Rotterdam, gañar o premio da Sección Alquimias da SEMINCI de Valladolid na súa estrea española e recibir o Premio Cineuropa, La Parra terá por fin a súa estrea en salas este venres 13 de decembro. Nela, Alberto Gracia mergúllanos na súa cidade natal, Ferrol, convertido a ollos do cineasta nun «Twin Peaks ibérico» (Violeta Kovacsics), dando lugar a un filme "de espellos e espellismos" que ofrece unha mirada á paisaxe urbana pouco habitual no cinema galego contemporáneo.
O director protagonizará o quinto e último dos encontros A cor das palabras deste 2024 —tras María Vázquez, José Luis Guerín, Ricardo Matos Cabo e Jonás Trueba—, nunha actividade titulada «A imaxe que pensa» na que, partindo da súa nova creación, fará un repaso á súa propia evolución como cineasta, marcada polas longametraxes O quinto evanxeo de Gaspar Hauser (2013) e La estella errante (2018). Gracia parte dunha idea: "o cinema non é a vida, a vida é xustamente o que foxe cando o cinema a quere encapsular".
A actividade que organizamos co Concello de Santiago terá lugar o sábado 21 de decembro ás 12:00h e o seu acceso é gratuíto até completar aforo. Xa podes reservar praza no correo [email protected].
A visita de Alberto Gracia completarase cunha presentación e coloquio de La Parra o venres 20 ás 19:25h para o que tamén podes mercar butaca na nosa web ou billeteira.
Fotograma de La Parra
O director
Alberto Gracia (Ferrol, 1978) é director e escritor. Realizou até a data dúas curtametaxes e dúas longametraxes. A súa primeira curta, rodada en 2008 e 16mm é Microfugas. En 2013 estrea a súa primeira longa, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, gañadora do premio FIPRESCI no Festival de Rotterdam. Con La estrella errante, a súa segunda peza longa, viaxa tamén a Rotterdam e gaña o Premio Deluxe Nuevas Olas do Festival de Sevilla e o premio a Mellor Película no Dock of the Bay de Donosti. Grazas ao premio X-Films, gañado no Punto de Vista de Navarra realiza a curtametraxe Tengan cuidado ahí fuera, Mención Especial do Xurado en Filmadrid 2021. La Parra é a súa terceira e esperada longametraxe, presentada de novo en Rotterdam e premiada na SEMINCI co Premio Alquimias.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Emilia Pérez
VOSE
-
-
-
Dahomey
VOSE
-
-
La Parra
VO
-
-
Cando cae o outono
VOSE