Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación do Caderno #2 do FICBUEU dedicado ao National Film Board of Canada

Libraría NUMAX acollerá o próximo xoves 3 de febreiro ás 20:30 a presentación do segundo número dos Cadernos FICBUEU, titulado «O National Film Board of Canada e a súa 'idade dourada' da curtametraxe (1965-1983)», coa presenza do seu autor, Severiano Casalderrey.

Despois dunha primeira entrega dedicada á Nouvelle Vague francesa, o programador, historiador da arte e docente, Severiano Casalderrey, publica un segundo Caderno que leva por título O National Film Board of Canada e a súa “idade dourada” da curtametraxe (1965-1983). Nesta publicación abordanse os máis de oitenta anos de historia e o seu catálogo de 13.000 títulos do National Film Board de Canadá, a maior produtora cinematográfica de carácter público do mundo, que destacou tamén, “pola súa relación coa curtametraxe e o seu sentido da creatividade e do artístico”, en palabras do subdirector do FICBUEU. Este volume monográfico, editado en galego e inglés co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Embaixada de Canadá en España, presentarase o próximo xoves 3 de febreiro ás 20:30 da tarde no espazo da libraría.

Para asistir ao acto é preciso reservar praza no correo [email protected] Se non podes asistir ou quedas sen praza poderás ver a presentación desde a casa en streaming a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram Live (@numaxcoop).

Severiano Casalderrey Conde (Pontevedra, 1980) é licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e graduado superior en Piano. Exerce un labor docente orientado ao campo da música e o audiovisual dende 2003, e combina esta actividade coa programación cinematográfica. Dirixiu o festival ANIRMAU – Animation Film Festival (Lalín) dende 2010 a 2013, e en 2012 iniciou a súa colaboración co festival de curtametraxes FICBUEU, labor que mantén ata a actualidade como principal programador da cita. Esta experiencia permitiulle colaborar con festivais internacionais como CINANIMA (Espinho), MONSTRA (Lisboa) ou FILE-ANIMA+ (Sao Paulo), así como formar parte dos xurados do Festival Internacional de Ourense (2011, 2012), o TIDCA-Taipei (Taiwan, 2012), os Encontros de Cinema de Viana do Castelo (2015) ou o Curta-Açores (Ribeira Grande, 2018), entre outros moitos. Nos últimos tempos, ten musicalizado en directo varias proxeccións audiovisuais, como a realizada para a curta Miss Ledya (1916) do pioneiro do cine galego José Gil.