Libraría

Presentación de «La fiesta, lo raro y el espacio público»

O xoves 13 de xuño ás 20:00 preséntase na Libraría NUMAX a publicación La fiesta, lo raro y el espacio público. Participan no acto Fran Quiroga (Fiestas Raras, coordinador da publicación) e Antonio Giráldez, editor de Bartlebooth. Trátase dunha publicación que funciona como dispositivo do proxecto "Fiestas Raras", unha contribución coa que abrir novas fugas ao redor do raro, a festa e o espazo público.

Esta co-edición entre a editorial Bartlebooth e Festas Raras está coordinada por Fran Quiroga de maneira coral a través de diferentes autorxs. Trátase dun conxunto de textos que nos convida a re-pensar a potencia da festa, o non-normativo e o espazo público como escenario de conflito e visibilidade. Voces e reflexións sobre a potencia de pensar o espazo desde o non normativo, o raro como forma de tensión do canónico e a festa como dispositivo de encontro desde o cal tecer alianzas. Esta publicación é unha verbena de textos, non é unha linealidade senón que se trata dun conxunto de fugas e lecturas paralelas que se atopan e desencontran, que traman cruces e tránsitos entre a festa, o non normativo e o espazo público. Con textos de Imaxina Madrid, Fran Quiroga, Rafael SM Paniagua, Putochinomaricón, Fran Brives, Labra, Pasaxes de Cinema, Improvistos, Natalia Matesanz, VenidaDevenida, Ramón Grosfoguel, Miguel Pérez Sánchez, Iago Carro (Ergosfera), Nuria Cubas, Gabriel Doménech, Ramón Boi e Lucrecia Masson. Fotografías de Laura C Vea.

Extracto da introdución (Fran Quiroga):
"A publicación é un dispositivo máis do proxecto, unha contribución coa que abrir novas fugas ao redor do tres obxectos de estudo, son voces e reflexións sobre a potencia de pensar o espazo público desde o non normativo, ou o raro como forma de tensión do canónico e a festa como dispositivo de encontro desde o cal tecer alianzas. Non é o resultado da investigación, senón un compromiso por abrir outros lugares desde os cales continuar imaxinando o espazo público. No blog www.fiestasraras.wordpress.com ou na web www.imagina-madrid.es foise documentando o proceso, as accións e aprendizaxes do proxecto Festas Raras. Esta investigación rariña tentaba non só realizar unha cartografía de usos festivos do parque senón exceder esa posible parálise da análise e convidar a imaxinar outra forma de facer unha festa, como exercicio de devolución coas comunidades coas que se ha ir co-investigando ao longo de máis dun ano. Apostar por esta forma de facer era un intento de superar aquilo sobre o que Henri Lefebvre alertaba: "calquera esforzo para construír un código ou procedemento cuxo obxectivo sexa descifrar o espazo social corre seguramente o risco de reducilo este a unha mensaxe e o seu tratamento a unha lectura."