Libraría

O escritor Ramón Torrado presenta «Torino» na Libraría NUMAX

NUMAX acolle o próximo mércores 24 de novembro a presentación da segunda novela de Ramón Torrado, Torino de Axóuxere Editora. A actividade será ás 20.00h da tarde no espazo da libraría e nela o autor estará acompañado dos editores Rafa Xaneiro e Roberto Abuín.

Torino é o relato dunha viaxe, un traxecto entre Galicia e Italia que lle serve ao autor para atoparse a si mesmo e para explicarse á súa familia. A novela é ao mesmo tempo unha crónica, un ensaio e un libro de pensamento. Unha travesía física e espiritual que pide unha lectura calmada que permita que a imaxinación pinte un retrato das peripecias que se contan e que o pensamento considere as ideas que se ofrecen. Os pasos da vida e a inquedanza polo inmaterial están presentes na novela, na que as persoas lectoras poderán atopar tamén múltiples conexións, augurios e emocións voando en liberdade. A presentación será o mércores 24 de novembro ás 20:00h e nela Ramón Torrado estará acompañado dos editores Rafa Xaneiro e Roberto Abuín (Axóuxere).

Para asistir ao acto é preciso reservar praza no correo [email protected]. Se non podes asistir ou quedas sen praza poderás ver a presentación desde a casa en streaming a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram Live (@numaxcoop).

Ramón Torrado Romero (Xens - Araño, Rianxo, 1966) traballa como profesor no ensino secundario, colabora co xornal dixital Galicia Confidencial e é investigador literario, particularmente da obra e figura de Rosalía de Castro, sobre as que ten escrito unha narración aínda inédita. A súa vida e formación está fortemente marcada pola emigración no País Vasco e nos Estados Unidos durante os anos 70 e 80. Torino é a segunda novela que publica, despois de Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018).