Crías

  • Estrea
  • VO
Proximamente

Crías

Durante anos, Xiana do Teixeiro reuniu diarios de adolescencia de centos de mulleres, configurando un arquivo que reivindica unha escrita historicamente marxinada. Os relatos que se percibían como únicos revelan, ao poñerse en común, estruturas afectivas e narrativas construídas socialmente. Da súa lectura colectiva xorde unha contradición reveladora: a vergoña que atravesaba aquelas escritas transfórmase en coidado cando as mulleres recoñecen esas mesmas experiencias noutras. A película presta atención tanto ao escrito como ao que falta —borróns, páxinas arrincadas—, mostrando que os rastros da autocensura feminina aparecen mesmo no ámbito máis privado, alí onde escribir parecía ser, precisamente, un refuxio.

Xiana do Teixeiro é cineasta, produtora e investigadora galega e traballa desde unha perspectiva ecofeminista. A súa primeira longametraxe, Tódalas mulleres que coñezo (2018), é unha película multipremiada que conectou o activismo feminista, a educación e a creación, ademais de se converter nun dos documentais máis vistos en aulas e espazos sociais. Foi coguionista e produtora do ensaio ecoloxista Salvaxe, salvaxe, premiado como mellor documental no Festival de Málaga en 2024. É cofundadora dos estudios Animala e Walkie Talkie Films.

  • Título orixinal: Crías
  • Ano: 2026
  • Duración: 122 minutos
  • Idioma orixinal: Galego
  • Dirección: Xiana do Teixeiro
  • Guión: Xiana do Teixeiro
  • Montaxe: Xiana do Teixeiro
  • Fotografía: Alicia Francés, Lucía C. Pan, Xiana do Teixeiro
  • Produtora: Xiana do Teixeiro