Programa Curtas 3 (Alicia fai cousas + Lavadoiro + O neno sardiña + Hondarrak)
- Estrea
- VO
Programa Curtas 3 (Alicia fai cousas + Lavadoiro + O neno sardiña + Hondarrak)
- Cineuropa 2023
- Estrea
Alicia fai cousas
Ángel Santos | 2023 | 26 min | FIC
Alicia ten vinte e cinco anos. Alicia fai cousas. Alicia abúrrese… ou iso cre.
Ángel Santos (Marín). É licenciado en Historia da Arte e diplomado en Dirección cinematográfica polo Centre d’Estudis Cinematogràfics de Catalunya. É autor, entre outras, das curtas Setembro (2004), O cazador (2008), M. (2015), Así vendrá la noche (2021) e da recoñecida longa As altas presións (2014). Como docente está implicado desde hai unha década no proxecto de educación nas aulas Cinema en Curso.
Lavadoiro
Ana Amado / Lois Patiño | 2023 | 17 min | DOC
Desde a arquitectura construída e efémera, Lavadoiro propón unha reflexión activa sobre o rol esencial destes espazos na vida das mulleres como lugares de traballo doméstico e de socialización.
Ana Amado (Ferrol). Fotógrafa, arquitecta e artista visual. Compaxina o seu labor como fotógrafa coa docencia. A súa obra foi premiada e exposta na Bienal de Venecia do 2016 e do 2018, en PhotoLondon, nos Sony World Photography Awards, na XIV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo ou en PhotoEspaña17, entre outros.
Lois Patiño (Vigo). Figura fundamental do Novo Cinema Galego, recibiu o premio ao mellor director emerxente en Locarno 2013 coa súa ópera prima, Costa da morte. Lúa vermella (2020) foi estreada na Berlinale Forum e Samsara (2023) obtivo o premio especial do xurado na sección Encounters da Berlinale.
O neno sardiña
Lucía Estévez | 2022 | 14 min | FIC
Nun punto sen determinar do río Miño, un neno-sardiña cruza a corrente deixando atrás as persoas que festexan o seu enterro na fin do Entroido. Descoñécese que é o que provoca a súa transformación, pero disque os ollos máis atentos poden captar de preto a humidade na súa pel. A súa existencia está confirmada polos máis escépticos da zona. Ninguén no lugar ten dúbidas.
Lucía Estévez (Vigo). É graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, cun Erasmus na UCP do Porto. No 2018 gañou o Premio María Luz Morales polo seu videoensaio Muller personaxe. No 2019 obtivo o galardón á Mellor Dirección de CREA no Festival Internacional Curtocircuíto pola obra de ficción Arrolo. No 2021 gañou o Premio Mestre Mateo á mellor serie web con Xan, proxecto cocreado con Miguel Canalejo. O neno sardiña é a súa última curta.
Hondarrak
Marta Gómez / Paula Iglesias | 2022 | 15 min | DOC
Dúas mulleres terman dun mundo no que os coidados están en ruínas. Gladys, desde o seu eterno confinamento na casa na que traballa como interna. Ima, en eterna espera fronte ao mar ata que outro barco rompa as súas redes. As dúas teñen traballos non recoñecidos, con obrigas que as invaden e non lles deixan espazo para as súas propias vidas. As lembranzas das súas vivencias entretécense nun relato sensorial que conduce ata unha pregunta: quen pode facer mudar a situación?
Paula Iglesias (Santiago de Compostela). Xornalista, directora e editora, funda Al Borde films con Ana Serna no 2015. A productora especialízase en documentais de corte social. Sólo son peces (2019) ou Lanbroa, (2021 son algúns dos seus traballos.
Marta Gómez (Bilbao). Guionista, directora e asesora de guión, codirixe con Paula Iglesias Fabricando mujeres 2.0 e a longa tamén documental Norte salvaje. Na actualidade traballan na posprodución dos documentais La Sinsorga e Flying Hands.
- Título orixinal: Programa Curtas 3 (Alicia fai cousas + Lavadoiro + O neno sardiña + Hondarrak)
- Idioma orixinal: Galego