Cineuropa 2021 - Une flamme dans mon coeur / Unha chama no meu corazón
- Estrea
- DCP2K
- VOSE
Cineuropa 2021 - Une flamme dans mon coeur / Unha chama no meu corazón
- Cineuropa 2021
- Estrea
- DCP2K
Malia atravesar moitos dos seus filmes anteriores —traballando a identidade dos personaxes e a súa relación co mundo— a cuestión do desexo sexual nunca foi tratada frontalmente por Tanner. Ata Unha chama no meu corazón os seus personaxes manteñen todo tipo de relacións, pero a máis íntima sempre era suxerida. Iso explica a ausencia do corpo no acto sexual, un reflexo defensivo de Tanner perante un cinema de ‹puras entrañas› onde os directores, di el, «devóranse o fígado». «Eu necesito o mundo exterior, a realidade». Con Unha chama no meu corazón o cineasta demostra que un pode falar do mundo e do sexo sen perder nada. Tanner debe este novo horizonte físico do seu cinema a Myriam Mézières: logo dunha relación tempestuosa cun amante tiránico, Mercedes entrégase a unha nova paixón cun xornalista, pero o seu anhelo de amor absoluto choca contra a normalidade do seu compañeiro, ausente de máis. O seu devir lembra o do mariño de Na cidade branca.
Retrospectivamente, Unha chama no meu corazón aparece case como unha película simétrica d’A Salamandra: o mesmo retrato de muller libre, case salvaxe, máquina de desexar nun mundo que non desexa, a mesma soidade final. A diferenza entre os dous personaxes, á parte da presenza xenial do corpo espido de Myriam Mézières, é que Rosemonde encarnaba unha liberdade xubilosa e triunfante (ver o seu sorriso final), mentres que Mercedes é unha resistente nun mundo desesperado. «Non ter máis esperanzas é iso, ser lixeira, estar tranquila», di ela no filme. Frédéric Bas
- Título orixinal: Une flamme dans mon coeur
- Ano: 1987
- Duración: 110 minutos
- Idioma orixinal: Francés
- Dirección: Alain Tanner
- Guión: Alain Tanner
- Elenco: Myriam Mézières, Aziz Kabouche, Benoît Régent
- Montaxe: Laurent Uhler
- Fotografía: Acácio de Almeida
- Produtora: Garance, Filmograph SA.