Songs for Drella
- Repertorio
- DCP2K
- VOSE
Songs for Drella
- Blow Up. A música no Cinema
- Repertorio
- DCP2K
The Velvet Underground seguiu adiante despois de que o membro fundador John Cale fora despedido do grupo no outono de 1968. Logo, o seu compañeiro e amigo-inimigo Lou Reed marchou despois do lanzamento de Loaded en 1970. O seu reencontro no funeral do mentor e representante da banda, Andy Warhol, limou as súas diferenzas durante uns poucos meses, dándolles tempo a compoñer unhas cancións coas que renderlle homenaxe.
Primeiro gravaron o disco Songs for Drella, onde exploraban a vida, os soños, as aspiracións e os medos de Warhol, a quen chamaban, moi ao seu pesar, Drella (abreviatura de Drácula e Cinderella), e logo fixeron varios concertos xuntos. Nunca volverían interpretalas. O director Edward Lachman puido capturalos nuns ensaios, xa que Reed non quería cámaras durante as actuacións para dar forma a un filme en 1990. Perdido durante 30 anos, Lachman atopou o filme nunhas latas no seu faiado en 2020 cando o seu amigo Todd Haynes preguntou por el ao preparar a rodaxe do documental The Velvet Underground (2021). Grazas a isto, agora pode verse aquel momento irrepetible nas traxectorias dos dous músicos.
Todo trata da memoria e a recuperación, nun sentido literal. As cancións en si mesmas, mostradas con austeridade en toda a súa brillantez, son algúns dos eloxios máis honestos da historia do rock, capturando distintas facetas de Warhol, non todas agradables. Cale e Reed debúllanas cambiando de perspectiva cando toca, para despedirse dunha figura insubstituíble nas súas vidas á que admiraron e amaron nun momento dado. Non hai bágoas, por suposto: ambos permanecen estoicos, controlados e tensos ao longo desta actuación cargada de chispas. Míranse aos ollos para asegurarse de que están literalmente sincronizados, pero en ningún momento deixan apreciar dor compartida, amizade nin nada remotamente semellante.
Texto de Xavier Valiño
- Título orixinal: Songs for Drella
- Ano: 1990
- Duración: 55 minutos
- Idioma orixinal: Inglés
- Dirección: Edward Lachman
- Participación: Lou Reed, John Cale
- Montaxe: Jay Freund
- Música: John Cale, Lou Reed
- Produtora: Channel 4, Sire Records Group