Dime algo sucio
A policía de Oregón atopa unha parella de cadáveres no interior dunha nave industrial abandonada. O home negro está axeonllado no chan colocando as últimas novidades en primeira liña da manta. Nelson, o grafiteiro, preparou nun muro da marxe esquerda do río unha versión manga do retrato de Laura, a moza que practica tres horas semanais de kung-fu. Ánxela confésalle a Marga que non quere nada que lle recorde a Xaime, desexa que desapareza da súa cabeza, matar os seus recordos. O taxista sorpréndese cando le o texto que os dous homes sen teito escribiron no seu cartón: «o rumor da melancolía é o son dunha orquestra ao lonxe.» Dime algo sucio de Diego Ameixeiras é unha novela de intriga que pretende desvelar o misterio que une as vidas cruzadas de persoas moi diversas, que buscan atopar un anaco de esperanza nalgunha das fendas da cidade cero. Escrita cunha prosa áxil e directa, amosando unha eficacia narrativa extraordinaria, esta cuarta novela confirma a madurez literaria de Diego Ameixeiras, un dos autores máis orixinais e valiosos da narrativa galega do século XXI.
- Editorial: Xerais |
- Año: 2015 |
- Páginas: 224 |
- Dimensiones: 145x220 |
- Idioma: Gallego |
- ISBN: 978-84-9914-060-5 |