A pensión Eva
Durante os anos da Segunda Guerra Mundial, os cuartos da Pensión Eva, na vila siciliana de Vigatà, convértense en refuxio dos seus habitantes. Ademais, esa estraña ´pensión´ é unha presenza misteriosa para Nenè, un rapaz que, ata que logra penetrar na casa, non esperta á vida completamente. A pensión Eva é unha novela de iniciación á vida, á descuberta do sexo, do amor e da amizade nos tempos duros e sen esperanza da guerra. Mentres homes e mulleres matan e morren, ao redor da Pensión Eva concéntrase a historia íntima do pobo siciliano. Unha historia que se personifica no espertar da curiosidade dun rapaz polo sexo e remata coa descuberta do amor, nun intento por entender o mundo e chegar a saber que é o que realmente importa. Un espazo prohibido, o da pensión, que esconde as fantasías eróticas e tamén as arelas dunha sociedade atormentada pola guerra e o fascismo. Camilleri sorprende cunha novela tenra que non evita certa crueldade, e que engaiola polos personaxes, moi próximos aos das películas de Fellini, nos que a aparente tolería agacha, en realidade, unha inmensa verdade.
- Editorial: GALAXIA |
- Ano: 2015 |
- Páxinas: 152 |
- Dimensións: 140x210 |
- Idioma: Galego |
- ISBN: 978-84-8288-824-8 |