Horarios: Luns a sábado (excepto martes) de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 / Martes de 16:00 a 20:30. Contacto: [email protected] / 981 560 250

Lema, Carlos

A MONSTRUOSIDADE MODERNA

A realidade está sometida ao suxeito, só existe aquilo que este é quen de pensar, todo se organiza a partir da correlación entre suxeito e mundo. Esa é a razón de que o principio lexitimador da Idade Moder­na sexa a liberdade, de aí a importancia que adquire a figura do artista.

Para achegarse a unha nova concepción da reali­dade que non dependa exclusivamente desa escisión entre suxeito e mundo, a argumentación que segue Carlos Lema neste libro organízase en tres partes, cada unha delas arredor dunha idea: comeza cunha teoría do suxeito como cidadán e artista, remata cunha reflexión sobre o que o autor denomina a consunción tardomo­derna e sobre a ­ab­so­lutización da ­subxectividade na que se inclúe “o contrafío das mulleres”. No centro, vin­culando as partes inicial e final, sitúase a representación como mediación que fai posible a relación entre a singularidade do cidadán-artista e o pacto moderno.

Co eixo situado na cuestión do pragmático, a primeira parte deste libro centra o debate en torno ao artista moderno. A continxencia, que todo o con­diciona e todo o fai posible, transforma o pensamento en algo antidogmático e pragmático, de tal xeito que a deturpación pragmática da arte ten como resultado a produción da cousa mesma, é dicir, a representación como cousa que se emancipa de quen a pensa. Iso non significa que a pluralidade de perspectivas vaia ocupar o sitio da verdade, todo o contrario, esa pluralidade non sería posible sen unha norma de verdade potencialmente transcendente: a universalidade do disenso. Nese labor que ten como obxectivo facer o subli­me accesible, a consagración do ser humano como artista sinala definitivamente o triunfo da monstruo­sidade moderna.
  • Editorial: Euseino? |
  • Páxinas: 316 |
  • Dimensións: 135x185 |
  • Idioma: Galego |
  • ISBN: 978-84-945621-9-8 |