Obra dramática completa
A mediados da década de 1990, a piques de finalizar o século XX, abrollan na escena inglesa unha manchea de textos que provocaron reaccións ben similares ás que se produciran a finais da década de 1950 coa irrupción dos mozos irados. Desta volta son as mulleres, entre elas Sarah Kane, que chegará a ser unha das autoras máis interesantes do panorama teatral en Europa. A edición da Obra dramática completa de Sarah Kane que agora presentamos inclúe cinco textos dramáticos (Derruba, Amor de Fedra, Límpidos, Degoiro, 4.48 Psicose) e un guión (Pel). Trátase de pezas herdeiras, en moitos aspectos, do teatro da crueldade do escritor e actor francés Antonin Artaud, pezas nas que o corpo adquire protagonismo e o texto é un reflexo ou un medio no que a materia carnal se expresa. O ser humano non só como linguaxe e pensamento, tamén como corpo que excede os límites da representación. Malia a tráxica desaparición da autora en 1999, a súa obra segue e a ter unha fonda vixencia e actualidade por mor deses mundos dominados pola dor que tan ben soubo reflectir e que nos falan dun forte compromiso coa vida.
- Editorial: GALAXIA |
- Ano: 2015 |
- Páxinas: 496 |
- Dimensións: 135x210 |
- Idioma: Galego |
- Tradución: Vieites, Manuel F. |
- ISBN: 978-84-9865-193-5 |