Horarios: Lunes a sábado (excepto martes) de 10:30 a 14:00 y de 16:00 a 20:30 / Martes de 16:00 a 20:30. Contacto: [email protected] / 981 560 250

Suanzes, Ángel | Honorato Soto, Clara

E se a memoria está na boca


_sobre este livro

Unha querenza agreta e, polas fendas, cóanse, oportunistas, as incertezas, que invaden a rutina, asolan o desexo e culminan co derrubamento dos corpos. Intemperados xacen, pero as ascuas permanecen latentes, nun afán por tentar o rescate: as intencións minguadas insisten na confianza; as epidermes erosionadas esfórzanse no tacto; as bocas desaboridas buscan reparar a memoria.

A ausencia, o desacerto, a fraude e outros desencantos nutren este texto, e conflúen nunha secuencia de fotogramas que o autor arrebola coma proxectís, co propósito de perforar a carne da lectora, sen danarlle os órganos, mais procurando que a metralla desalentada enquiste, e levede, nas súas entrañas.

A seca da atracción, a perda da complicidade e a loita por manter o afecto, conducen á resignación, á aceptación da deriva. Entón xa só resta driblar os cascallos, asumir a inercia, desistir: “Entornar, / desde hai tempo, enferruxados os gonzos, / sen azos para mudar o mecanismo.”

Alén do rubor, a decepción ou o temor, non hai cabezas de cartel nesta rodaxe sobre a intimidade, só unha voz en off que expón, abatida, o seu desamparo, coroado por unha sentenza perplexa, ou por unha inseguridade irada. Conclusións coas que achegarse á indemnidade nun espazo de desconforto, coas que pretender exorcizar o fracaso.

Flashbacks porfiados amalgámanse nun guión desde o que observar e percorrer, coa discreción dun travelling, os lugares da devastación, ou as fábulas da idealización, estas últimas reincidentes cando interrompen as escenas con recordos que vernizan, coa súa pátina edulcorada, o pasado, sacoden a desgana e reinician o prodixio da descuberta, esquivando á sempre axexante caducidade: “ (…) e o xemido inútil de agarrar, / o que vai fuxir / co teu corpo.”

Iolanda Zúñiga
  • Editorial: çEditora Urutau |
  • Idioma: Gallego |
  • ISBN: 978-65-87076-10-2 |