Instant Village
Instant Village (en galego podería ser vila instantánea) confórmase como unha colección de antipostais que amosan imaxes alternativas e se callar opostas ás ficcións construídas e propagadas desde o márketing turístico derredor das illas Canarias. Á vez, confróntanse co imaxinario colectivo e coas miñas propias construcións mentais en relación coa categoría «illa» que, ademais, descansan a miúdo sobre lugares comúns do tipo: unha illa ten palmeiras, unha illa ten praias virxes, unha illa é un lugar de natureza exuberante, unha illa é evasión, unha illa é un edén, etcétera. Nas Canarias, quizá responden figurativamente a eses lugares comúns e confírenlles sentido aquelas zonas do territorio protexido, cos seus volcáns, palmeiras e praias, nas que non se pode construír. Porén, que acontece no resto do territorio, naquel que se nos deixa facer? Asumindo que a paisaxe construída é a paisaxe humana, unha codificación do que somos nun momento dado, daquela que é o que contan sobre nós, como sociedade no seu conxunto, as formas coas que a ocupamos? A serie é un ensaio fotográfico sobre este uso do territorio nas illas Canarias, unha contorna que, debido á súa case exclusiva dependencia económica do turismo, foi obxecto dunha presión crecente (desde a década de 1960 até a recente explosión da burbulla inmobiliaria) e que representa un tubo de ensaio perfecto para os problemas do Estado español no seu conxunto. Que o recurso máis valioso dunha illa sexa precisamente o máis limitado o territorio é un paradoxo dun tipo de desenvolvemento cuxo único propósito semella ser o beneficio inmediato e que creou unha corrosiva topografía da banalidade.
- Editorial: Fabulatorio |
- Ano: 2020 |
- Idioma: castelán |
- ISBN: 978-84-940115-8-0 |