A "Nouvelle vague" a través das súas curtametraxes (1956-65)
Este volume, da autoría do subdirector do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), Severiano Casalderrey Conde, é o primeiro número dos Cadernos FICBUEU. Nel recompílase o traballo de selección e de investigación realizado para a Sección Retrospectiva, unha das novidades da 12ª edición do dito festival, recentemente celebrada, mediante a que se lles quere dar protagonismo a obras de difícil acceso para o público pero con grande valor histórico no desenvolvemento do cinema e do formato curtametraxe. O volume, que se publica en edición bilingüe galego-inglés, analiza unha das correntes cinematográficas máis coñecidas da historia, a Nouvelle Vague francesa, que presentou e consolidou as súas primeiras longametraxes hai 60 anos, cando Truffaut foi galardoado co premio ao mellor director do Festival de Cine de Cans por "Les 400 coups". Con todo, o traballo de Severiano Casalderrey céntrase na produción de curtametraxes de directores desta corrente (Éric Romer, Jacques Rivette, Jean-Luc Godard, François Truffaut...), un precedente indispensable para entender a produción posterior destes autores e un dos aspectos menos explorados da Nouvelle Vague
- Editorial: Libros Walden |
- Idioma: Galego |
- ISBN: 978-84-09-19274-8 |