Primeiro foi Galicia
Despois da publicación do volume Castelao é noso
(Alvarellos Editora, verán 2024), rescatamos
desta volta Primeiro foi Galicia, unha nova serie
de magníficos artigos ou pequenos ensaios
de X. L. Méndez Ferrín. Trátase, tamén, dunha
reunión de textos que tiveran unha primeira vida
como publicacións semanais no Faro de Vigo na
célebre serie denominada No Fondo dos Espellos
(que o gran autor mantivo activa entre 2007 e
2020) e unha segunda existencia, xa en formato de
opera omnia, baixo a edición da Universidade de
Vigo, en tres volumes saídos do prelo entre 2020
e 2022, nunha edición ao coidado do profesor e
investigador Fernando Ramallo, catedrático de
Lingüística Xeral da Universidade de Vigo.
Se ben na anterior ocasión Ferrín centrábase
na manipulación á que foi sometida a figura e o
pensamento políticos de Daniel Castelao ao longo
do século XX e XXI, agora son obxecto destas
páxinas, por unha banda, as relacións históricas
(e silencios) entre Galicia e Portugal, e viceversa,
textos reunidos baixo o significativo epígrafe
«Lonxe de nós e dentro: Portugal»; e un segundo
apartado, titulado «Gallaecia suevica», no que o
autor aborda a relevancia do estado que, no século
V, ergueron na Gallaecia os suevos, con capital en
Bracara Augusta, actual Braga. O primeiro estado
da Europa que sucedeu ao Imperio romano.
Todos os textos foron revisados de novo
polo autor, nunha edición que volve estar ao
coidado de Fernando Ramallo.
Estamos convencidos de que este Primeiro foi
Galicia pedía unha edición propia e nova. A súa
calidade e orixinalidade, e o xeito en que estes
textos axitan o noso pensamento crítico, ha
seducir unha vez máis ao público lector.
X. L. MÉNDEZ FERRÍN (Ourense, 1938) é un
dos máximos referentes da literatura galega
contemporánea. Autor dunha depurada, orixinal e
prestixiosa obra literaria. Nela destaca, en narrativa,
O crepúsculo e as formigas (1961), Retorno a Tagen
Ata (1971), Crónica de nós (1980), Arraianos (1991)
ou No ventre do silencio (1999). Como poeta, publica
Con pólvora e magnolias (1976), Estirpe (1994)
ou Contra Maquieiro (2005). A súa obra ensaística
ocupa un espazo fundamental na súa escrita: en
1984 ve a luz De Pondal a Novoneyra, e dende 2007
ata 2020 asinou, cada sábado, nas páxinas de Faro de
Vigo, a serie No fondo dos espellos, unha abraiante e
erudita achega de artigos.
- Editorial: Verdemar |
- Páxinas: 106 |
- Dimensións: 120x190 |
- Idioma: castelán |
- ISBN: 978-84-18567-62-9 |