Horarios: Lunes a sábado (excepto martes) de 10:30 a 14:00 y de 16:00 a 20:30 / Martes de 16:00 a 20:30. Contacto: [email protected] / 981 560 250

Rivas, Manuel

O ÚLTIMO DÍA DE TERRANOVA

A libraría Terranova é un lugar diferente no planeta Terra, habitada por libros e almas, un escenario de amores e resistencia, un refuxio de náufragos da vida, un santuario de animais, un lugar de memoria e emoción, onde de súpeto aparece no escaparate o letreiro da Liquidación total de existencias por peche inminente. Cando chega o ultimato e se pon en marcha o proceso de desafiuzamento, Vicenzo, o libreiro, que arrastra as secuelas dunha doenza na infancia («O meu corpo é un manifesto!»), revive a propia historia e a da libraría, mentres tenta facer fronte á especulación e ao que el chama o Imperio do Baleiro.
Terranova é un lugar de emoción e memoria. Foi porto de desembarco de libros descoñecidos ou prohibidos, unha especie de Ítaca entre Europa e América, un territorio de liberdade secreta no franquismo, onde as «botellas ao mar» do exilio retornan, en xeito de libros, en maletas e baúis de emigrantes. E será tamén o lugar de acollida para unha personaxe engaiolante, Garúa, unha moza exiliada arxentina, cuxa chegada transformará a vida de Terranova en tempos da chamada Transición, aínda perigosos e de gran incerteza histórica. Galicia, Bos Aires, Madrid, París, Lisboa..., xunto ao Pulmón de Aceiro, a Cámara Estenopeica, a Terra Escondida, a Memoria Profunda, o Faro e a Liña do Horizonte, son territorios e espazos reais que tamén pertencen á xeografía íntima da libraría Terranova.
O último día de Terranova é unha novela de enxeño multiforme onde conflúen os xéneros literarios entrelazándose a serie negra, o humor da poética surrealista mesturado co da oralidade popular, e un realismo tan a rentes do chan como transcendente. A libraría Terranova converterase para quen entre nela nun lugar inesquecíbel.
  • Editorial: Xerais |
  • Año: 2015 |
  • Páginas: 256 |
  • Dimensiones: 145x220 |
  • Idioma: Gallego |
  • ISBN: 978-84-9914-941-7 |