Pagán, Alberte

Percorridos por unha teoría do desexo

Percorridos por unha teoría do desexo é un feixe de relatos que naceron como novela; é unha novela desglosada en capítulos independentes que se poden ler como relatos; é a historia dunha vida (dunhas vidas que son unha) contada desde a madurez até a xuventude e a infancia. Agás, claro é, o primeiro capítulo, que serve de pórtico. É literatura global mais perfectamente localizada, na que a viaxe é un elemento constitutivo de cada capítulo (“percorridos”). É literatura que ás veces se perde por xardíns ensaísticos, nos que a realidade pode afogar a ficción (ou era ao revés?) (“teoría”). É unha novela sobre a nada, sobre a existencia, sobre o que fai que sigamos untados a este insignificante planeta, e por tanto sobre a (militancia) política (“desexo”).

A novela pódese ler seguindo a orde de capítulos proposta ou enfrentando cada capítulo como peza independente. Os números de cada capítulo reflicten outra posíbel disposición: para quen teña interese na cronoloxía dos textos, a numeración indica a orde de redacción; mais tamén inverte (ou reverte á súa orde lóxica) a evolución sentimental da personaxe, desde a infancia até a madurez.
  • Editorial: Alberte Pagán |
  • Ano: 2015 |
  • Idioma: Galego |