Días contados
Os doce relatos que compoñen Días contados procuran diferentes olladas sobre a realidade inmediata, maiormente urbana, de xeito que o autor imaxina compatible, coexistente, un mundo real e facilmente nomeable con outros mundos, xa menos definidos ou desdebuxadamente concretos, que se insinúan co sorriso da ironía por cebo. Cid Cabido percorre unha cidade con rúas e bares e comercios que se chaman coma as rúas e bares e comercios de Vigo, pero que ademais representan calquera espacio urbano, calquera outro labirinto semellante onde a noite facilite a metamorfose necesaria dun contable mentres alguén se ocupa de lavar os contedores do lixo; onde os buzóns poden gardar seres vivos ou converterse na entrada secreta que conduce a outra cidade baixo a cidade; onde os trasteiros dun edificio calquera son como trampas contra a normalidade cotiá; onde a beleza inalcanzable en forma de farmacéutica se pon demasiado a tiro para ser tan simple; ou onde os periódicos anuncian grandes remedios para grandes males urbanos coma o illamento, as carencias afectivas e a soidade máis insoportable. Unha intención parece atravesar estas doce historias: a realidade non é nin moito menos un producto acabado, pode reproducirse por abandono ou perfeccionarse ata o límite en que xa non conserva un só elemento tranquilizador. Pero a realidade merece ser sospeitada dende esa constante desviación de si mesma.
- Editorial: Xerais |
- Ano: 2015 |
- Dimensións: 130x210 |
- Idioma: Galego |
- ISBN: 978-84-7507-609-6 |