Verde oliva
Xavier Alcalá conta na súa nova novela as aventuras e desventuras de Mariana, a galega enguedellada nunha revolución mítica contra o tirano que sometera a illa de Cuba. Velaquí Verde oliva, a historia desta filla de galego e crioula que se integra nunha rede secreta de axentes encargados de destruír o réxime do ditador. A heroína de Verde oliva puido nacer en Cuba e criarse alí, desde sempre no ambiente que conduciría á rebelión contra Batista, mais, por cousa dos azares da vida, veu ao mundo nunha aldea da Mariña luguesa o 20 de xullo de 1936. Así e todo, aos catorce anos desembarcaba no porto da Habana. Co mester do narrador experto, Xavier Alcalá conta a historia desta loitadora pola liberdade que, educada nun mundo burgués, intervén na guerra secreta desenvolvida durante a revolución cubana. Mariana, a protagonista da novela, chega á Habana e, mergullada nos hábitos de cidade avanzada, recibe boa educación e participa do luxo dos que se permiten vivir en Tarará. O seu pai, republicano en Galicia, imbúelle ideas democráticas que baten coa ditadura de Batista; isto, xunto co ambiente do seu colexio e da academia de xornalismo á que asiste, lévana a participar no Movemento 26J.
- Editorial: GALAXIA |
- Páxinas: 416 |
- Dimensións: 135x210 |
- Idioma: Galego |
- ISBN: 978-84-9865-447-9 |