Historia de Galicia
A Historia é esencial para entender a sociedade actual. Ramón Villares debrúzase sobre o noso pasado para procurar nel as principais claves da Galicia de hoxe. Concibido cunha forma de ollar nova, máis complexa e rica, atenta tamén á historia da cultura e aos coñecementos que a investigación histórica nos achegou nos últimos vinte anos, este libro engade como novidade unha visión das diferentes épocas desde o outeiro das sete grandes cidades galegas: o Lugo romano, a Compostela de Xelmírez, a Pontevedra dos mareantes e mercadores, o Ferrol ilustrado, a Coruña liberal, o Vigo industrial e o Ourense da xeración Nós. Entre os contidos do libro que salientan como novidosos ou especialmente interesantes, cómpre subliñar o alargamento de información sobre épocas coma o Humanismo e a dos Austrias maiores; a reformulación que se fai da Galicia sueva e, sobre todo, do papel de Martiño de Dumio; as incorporacións de contidos relativos á historia da cultura e, naturalmente, a atención a problemas como o caciquismo, agora enxergados cunha ollada nova. Ao que se debe acrecentar a visión do periodo que vai da Guerra Civil á construción do réxime de autonomía, cunha atención especial á evolución do galeguismo no exilio e no interior.
- Editorial: GALAXIA |
- Ano: 2009 |
- Páxinas: 476 |
- Dimensións: 138x208 |
- Idioma: Galego |
- ISBN: 978-84-8288-655-8 |