Arte/industria. Isaac Díaz Pardo
O libro é unha das máis brillantes e actuais achegas ao coñecemento da obra de SARGADELOS e da personalidade do seu inspirador Isaac Díaz Pardo. Esta experiencia é clave na construción da cultura galega contemporánea e este traballo achégase a ela polo seu lado máis sólido e aínda menos explorado a súa consideración como industria do deseño: gráfico, de obxectos, de maquinas e mesmo de edificios. A arquitectura foi unha das paixóns de Isaac Díaz Pardo, non é inxustificada a distinción que lle fixemos os arquitectos de Galicia recentemente ao nomearlle Colexiado de Honra. Nunca mais xustificada que a este construtor nato e permanente inspirador e colaborador de arquitecturas cos máis notables arquitectos galegos. Agora o Colexio de Arquitectos de Galicia presenta este traballo de Xosé Díaz, Luis Muñoz e Juan Rodríguez como un novo achegamento -e que sen dúbida non será o último- á dimensión de deseñador industrial de Díaz Pardo e a experiencia actual deSargadelos. Na Galicia do século XX -unha historia que aínda se está a escribir- Sargadelos sen ser a historia oficial é unha das mellores historias reais. Nesa experiencia condénsanse case todas as circunstancias, persoas e acontecementos que marcaron á cultura e as xentes da Galicia daquel século. Díaz Pardo, emprendedor, lúcido, creador, foi sobre todo, o mellor activista cultural da recente historia do pobo galego.
- Editorial: COAG |
- Páxinas: 240 |
- Idioma: Galego |
- ISBN: 978-84-932280-0-2 |