Queres ser xurado no Festival de Venecia?
Tes entre 18 e 25 anos? Gústache comunicar a túa paixón polo cinema? Dominas o inglés? Se cumpres estas tres condicións non deixes escapar a oportunidade de viaxar cos gastos cubertos ao Festival de Venecia para participar como xurado no 27 Times Cinema! Tes até o 31 de maio para enviarnos a túa candidatura. Unha iniciativa de Europa Cinemas, Giornate degli Autori, o Parlamento Europeo e LUX Film Prize. [Foto Kamil Klamut]
Un ano máis NUMAX é unha das salas elixidas pola rede Europa Cinemas para a selección de candidaturas ao 27 Times Cinema, unha estupenda iniciativa que permite a 27 mozos e mozas doutros tantos países comunitarios viaxar ao Festival de Venecia cos gastos cubertos para ser parte do xurado da sección Giornate degli Autori, caracterizada pola diversidade e dinamismo das súas propostas. Unha oportunidade magnífica para coñecer desde dentro o funcionamento dun dos festivais de cinema máis importantes do mundo, desenvolver as túas capacidades para falar e escribir sobre cinema e coñecer xente moza amante do cinema doutras partes de Europa.
Que tes que facer? É moi doado!
- Envía un videoselfie en inglés no que expliques que é para ti o cinema. O vídeo debe comezar pola frase: "Cinema for me is..." e ten que incluír o teu nome e país de orixe. O vídeo ten que estar gravado en Full HD (1920x1080) con excelente calidade de audio e ter unha duración de 30 segundos. Valorarase a calidade e creatividade do vídeo e o dominio do inglés. Tes estupendos exemplos na canle de vimeo da actividade onde, entre outras, podes atopar a candidatura de Jesús Silva Vilas, embaixador español no Festival seleccionado por NUMAX.
- Cubre o formulario de inscrición e descarga o pdf coas respostas: https://form.jotformeu.com/EuropaCinemas/27TCForm2020
- Envía por wetransfer o vídeoselfie xunto co formulario de inscrición en pdf ao correo [email protected]
- Prazo de envío de candidaturas: Até o domingo 31 de maio incluído.
Finalizado este prazo desde NUMAX seleccionaremos tres candidaturas que serán remitidas a Europa Cinemas, LUX Film Prize e Giornate degli Autori onde farán a selección final.
A persoa finalmente elixida como embaixadora de España no 27 Times Cinemas comprométese a:
- Estar presente en Venecia do 1 ao 13 de setembro de 2020. O Parlamento Europeo cobre a viaxe e o aloxamento, Europa Cinemas faise cargo da manutención e Giornate degli Autori facilita a acreditación.
- Ser xurado dos filmes a competición en Giornate degli Autori cunha acreditación de acceso prioritario ás proxeccións da sección.
- Participar en mesas redondas, debates, masterclass e talleres para mellorar as destrezas comunicativas como influencers e animadores en redes.
- Contribuír á web e redes sociais de Europa Cinemas.
- Participar nos meses seguintes ao festival nos eventos de difusión do LUX Prize - European Audience Film Award, que terán lugar principalmente entre os meses de xaneiro a maio de 2021.
A que esperas para participar? Agardamos a túa candidatura!
Organizan Europa Cinemas, Giornate degli Autori, LUX Prize - European Audience Film Award, Parlamento Europeo e o Cinema NUMAX