Participa no Festival de Cinema de Venecia presentando a túa candidatura ao 28 Times Cinema
Tes entre 18 e 25 anos e manéxaste ben co inglés? Gústache compartir nas redes as túas impresións sobre o cinema? Soñas con poder ir ao Festival de Venecia con todos os gastos pagados? Se cumpres estas condicións ofrecémosche a oportunidade de vivir unha experiencia única. O Cinema NUMAX vén de ser designado por Europa Cinemas, o Parlamento Europeo e o Festival de Venecia como a sala española encargada de seleccionar a tres candidatas a participar nun dos festivais máis importantes do mundo. O proceso rematará coa elección, por parte do certame, da persoa finalmente elixida como embaixadora no festival.
A través do programa 28 Times Cinema, 28 mozos e mozas cinéfilas doutros tantos países europeos serán convidadas a participar do festival dunha forma activa, formando parte do xurado da sección Venice Days e desenvolvendo un traballo xornalístico que inclúe a elaboración de contidos para blogs e redes sociais.
Paralelamente as 28 persoas seleccionadas participarán no Premio LUX, un galardón outorgado polo Parlamento Europeo a aqueles filmes que mellor representan a diversidade cultural europea. Poderán ver os tres filmes finalistas e debater sobre os mesmos cos propios cineastas, facendo de embaixadoras dos seus respectivos países no Premio LUX 2017.
Para postularte tes que enviar un correo a [email protected] co asunto “28 Times Cinema 2017” e os seguintes elementos:
-
Un vídeo selfie de non máis de 45 seguntos no que nos achegues en inglés a seguinte información: nome; cidade e país de orixe; falar dun dos últimos filmes que viras e o motivo polo que che gustou. O vídeo debe ser gravado na maior resolución posíbel e pode ser enviado por wetransfer.
-
Encher o formulario de candidatura cuberto integramente en inglés e asinado. Descarga o formulario premendo aquí.
Ademais as persoas candidatas comprométense a:
-
Estar presentes en Venecia do 28 de agosto ao 10 de setembro de 2017 (os gastos de viaxe e aloxamento corren a cargo do Parlamento Europeo e Europa Cinemas).
-
Ser membros do xurado da sección Venice Days.
-
Ver todos os filmes seleccionados no Venice Days e os candidatos ao Premio Lux.
-
Participar en mesas redondas e debates con cineastas e outros convidados.
-
Contribuír a un blog creado especialmente para o evento.
-
Escribir un post diario para as redes sociais de Europa Cinemas.
-
Ser un embaixador activo do Premio Lux nos eventos organizados logo do festival no país de orixe de cada participante.
Tedes até o mércores 19 de abril (incluído) para enviar as vosas candidaturas.
Apuntádesvos?