Cinema

Encontro A cor das palabras con Ana Pfaff, montadora de «Alcarràs»

Volven os encontros A cor das palabras do Concello de Santiago a NUMAX. A primeira cita da tempada terá lugar o domingo 8 de maio ás 11:30 coa visita de Ana Pfaff, unha das montadoras de maior prestixio do cinema de autor español que afondará no traballo de edición de Alcarràs, de Carla Simón.

Baixo o título «A fraxilidade do real e a emoción subxacente», Ana Pfaff ofrecerá no seu encontro A cor das palabras unha viaxe polo seu traballo como montadora no que botará luz sobre o proceso creativo que levou á edición de Alcarràs, o filme máis agardado da tempada no cinema español, que estreamos o venres 29 de abril. Para acompañar a aula, Pfaff elaborou un itinerario bibliográfico que podes atopar no blog da nosa Libraría. O encontro terá lugar o domingo 8 de maio ás 11:30 horas e ten entrada gratuíta até completar aforo e pódese reservar praza escribindo a [email protected].

Ana Pfaff (Barcelona, 1985) graduouse en montaxe cinematográfica pola ESCAC e desde entón traballa como montadora, traballo que compaxina cun intenso labor docente e de realización. Nos últimos anos, Pfaff converteuse nunha das montadoras de maior prestixio no cinema independente español, destacando os seus traballos xunto a cineastas como Carla Simón (Alcarràs, Verán 1993), Eloy Domínguez (Hamada), Carlos Masques-Marcet (Os días que virán), Meritxell Colell (Con el viento), Carolina Astudillo (Ainhoa: yo no soy esa, El gran vuelo) ou Diana Toucedo (Trinta lumes). No ámbito da videoarte destacan os seus traballos xunto aos artistas Juan Carlos Bracho e Momu & No para quen traballou en numerosos proxectos ou a realización con material de arquivo desde o colectivo Dostopos.

A visita de Pfaff a NUMAX completarase na tarde do sábado 7 de maio coa presentación e coloquio dun pase de Alcarràs.