Cinema

Encontro «A cor das palabras» con Meritxell Colell Aparicio

O ciclo A cor das palabras. Encontros con cineastas organizado polo Concello de Santiago en colaboración co Cinema NUMAX contará cunha convidada moi especial. A cineasta catalá Meritxell Colell Aparicio é a autora de Con el viento, a nova estrea en salas de todo o Estado de NUMAX Distribución. O encontro con Colell terá lugar o sábado 1 de decembro ás 11:30 cunha duración estimada de 2 horas.

Baixo o título A emoción real na ficción. Do persoal ao colectivo, Meritxell Colell compartirá os materiais e o proceso creativo da súa marabillosa opera prima, Con el viento, proxectada en festivais como a Berlinale ou Donostia e premiada en Málaga (Zonazine) e o D'A Film Fest de Barcelona (Talents).

Xa podes reservar a túa praza para o encontro indicando nome completo e número de contacto no enderezo electrónico [email protected]. Lembramos que a aula dará inicio ás 11:30 horas do sábado 1 de decembro mais cómpre achegarse 15 minutos antes retirar o convite. Á hora de comezo da actividade as reservas non retiradas serán liberadas e repartidas entre as persoas inscritas na lista de agarda.

Con el viento terá súa estrea no Cinema NUMAX o xoves 29 de novembro, contando con presentación e coloquio de Colell nos pases do venres 30 de novembro, sábado 1 e domingo 2 de decembro. Reserva xa a túa entrada na nosa web: https://numax.org/cinema/ficha/con-el-viento

Deste xeito detalla a cineasta barcelonesa os contidos principais do encontro:
«Ermanno Olmi dicía: Descubrín que o cinema era a vida ou que podía ser a vida. A algúns cineastas gústanos pensar no cinema como un espazo de busca, de encontro co real. Un espazo que nos vincule coa vida, un espazo tamén onde aprender a vivir. E iso pódese dar cando se xeran espazos para que agrome a emoción real (tanto dentro como fóra da pantalla). Gústame traballar coa emoción como o centro do proceso de creación. Armar un dispositivo para que aconteza. Desde a escrita, pasando pola rodaxe, até a montaxe e o traballo co son. Iso implica traballar desde un lugar moi persoal, non só meu (como directora e guionista) senón de todo o equipo artístico e técnico. No encontro «A cor das palabras» compartirei materiais do proceso de creación de Con el viento para mostrar como se traballa ese intercambio desde o guión: escrita filmada, diarios de personaxes, monólogos e ensaios. E tamén sobre a necesidade de entender a rodaxe como espazo aberto ao cambio, á reescritura, para poder atopar a forma a definitiva do filme e do seu arco emocional na montaxe.»