Encontro A cor das palabras con Jonás Trueba: «Seguimos a ser principiantes»
O cuarto encontro do ano no ciclo A cor das palabras, organizado polo Concello de Santiago, terá un convidado de excepción coa visita de Jonás Trueba poucos días despois da estrea do seu novo filme: Volveréis. O director madrileño ofrecerá un encontro baixo o título «Seguimos a ser principiantes» o sábado 7 de setembro ás 12:00h. A actividade é gratuíta até completar aforo e xa se pode reservar praza no correo [email protected].
Desde a apertura de NUMAX, Jonás Trueba foi un habitual da casa, con visitas na estrea de filmes como La reconquista (2016) ou La virgen de agosto (2019) das que gardamos un gran recordo. Co seu cinema de aparencia sinxela pero profundo calado, Trueba vén de acadar a consagración definitiva no Festival de Cannes con Volveréis, onde foi premiado a Mellor filme europeo na Quincena dos Realizadores.
Cun guión elaborado a seis mans xunto os seus inseparables, e tamén protagonistas, Vito Sanz e Itsaso Arana, Volveréis parte dunha arroutada de seu pai, Fernando Trueba, quen dixo unha vez que mellor que celebrar a unión dunha parella era festexar a súa separación. Sobre esta premisa «Jonás Trueba filma o seu gran filme, pero faino desde a discreción como se na súas mans tivese unha alfaia fráxil e delicada» (Àngel Quintana).
Sobre a inspiración e o traballo creativo de Volveréis, que terá a súa estrea en NUMAX o venres 30 de agosto, xirará «Seguimos a ser principiantes», un encontro que terá lugar o sábado 7 de setembro a partir das 12:00h e que organizamos co Concello de Santiago. Como sempre, trátase dunha actividade gratuíta até completar aforo para a que xa podes reservar praza no correo [email protected]. Co gallo da visita de Jonás Trueba á NUMAX imos celebrar tamén un pase de Volveréis o sábado 7 de setembro ás 19:10h para a que xa podes reservar praza na nosa web ou na billeteira da sala.
Itsaso Arana e Jonás Trueba na rodaxe de Volveréis [Foto: Vera Novella]
O director
Jonás Trueba é unha das voces máis suxestivas e persoais do cinema de autor español. A súa carreira arranca en 2010 con Todas las canciones hablan de mí, nomeada aos Goya a mellor dirección novel, e desde 2013 funda xunto a Javier Lafuente a produtora Los ilusos desde a que realiza cun equipo técnico e artístico de total confianza obras como a propia Los ilusos (2013), Los exiliados románticos (2015) ou La reconquista (2016), estreada en Sección Oficial de San Sebastián. En 2019 asina La virgen de agosto, protagonizada e coguionizada por Itsaso Arana e premiada en Karlovy Vary e en 2022 estrea Quién lo impide, un documental de case catro horas de duración filmado co alumnado dun instituto e premiado co Goya a mellor documental. Tras acadar o Premio Especial do Xurado en Kalovy Vary por Tenéis que venir a verla (2022), Trueba acadou a súa consagración internacional con Volveréis, considerada por boa parte da crítica como a súa mellor obra e premiada na Croisette de Cannes.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
As margaridas
VOSE
-
-
No Other Land
VOSE
-
-
Emilia Pérez
VOSE
-
-
Bird
VOSG