Lois Patiño conversará sobre «A inmobilidade irradia» dentro do ciclo A Cor das Palabras
O ciclo A Cor das Palabras organizado polo Concello de Santiago en colaboración con NUMAX tráenos na mañá do sábado 7 de novembro ao director galego Lois Patiño, que conversará sobre A inmobilidade irradia. Co seu filme Costa da Morte, estreado en 2013, o cineasta pasou a formar parte como referente fundamental do chamado Novo Cinema Galego. O seu último traballo, Lúa vermella, que se estreará en NUMAX este venres 30, vén de acadar a Biznaga de Prata a mellor película española no Festival de Málaga e de pasar pola Berlinale.
O título da conferencia A inmobilidade irradia é, segundo explica o propio cineasta protagonista do encontro, Lois Patiño, "unha cita de Gaston Bachelard que me resultou reveladora para comprender o que a inmobilidade podía chegar a expresar. Tras rematar Costa da Morte, onde a distancia era a clave da linguaxe, decidín dedicar os seguintes anos a explorar a inmobilidade e como a experiencia do tiempo pode oscilar -expandíndose ou condensándose- ante a imaxe dunha figura paralizada ou ensimismada na paisaxe. Esta busca levoume a realizar varias pezas curtas como Fajr, Noite Sem distancia ou Estratos de la imagen, e as intuicións que aprendín durante o proceso cristalizaron agora na miña última longametraxe: Lúa vermella. Neste encontro falaremos sobre estes traballos e sobre algúns referentes que me guiaron nesta exploración."
Lois Patiño (Vigo, 1983) compaxinou a carreira de Psicoloxía con estudos de cinema en Nova York, Barcelona e Madrid. Colaborou na segunda longa de Mercedes Álvarez, Mercado negro de futuros (2012). Costa da Morte foi a súa primeira longametraxe como director, un filme xa referente do Novo Cinema Galego co que acadou o premio ao mellor director emerxente en Locarno Film Festival. Un dos seus últimos traballos, a curtametraxe experimental Fajr foi seleccionada no Festival de Cinema de Rotterdam.
O seu último filme, Lúa vermella —que estrearemos en NUMAX este venres 30, e contará coa presenza e coloquio do director os días 6 e 7 de novembro—, vén de acadar a Biznaga de Prata a mellor película española no Festival de Málaga e de pasar pola Berlinale.
Para asistir ao encontro é preciso reservar praza no correo [email protected], indicando nome completo e número de contacto. O acceso é de balde.
Arte, resistencia e memoria son algúns dos ingredientes das próximas citas do ciclo Os ollos verdes para os meses de setembro e outubro de 2026, coa proxección de Chicho o Mientras el cuerpo aguante, de Fernando Trueba, e Amílcar, de Miguel Eek. Entradas xa á venda en web e billeteira.
A Libraría NUMAX acolle a presentación de O derradeiro gimlet (Xerais) de Diego Ameixeiras o martes 29 de setembro ás 19:00h. O autor estará acompañado polo editor Fran Alonso. A entrada é libre ata completar aforo.
O xoves 1 de outubro ás 19:00h na Sala de Cinema terá lugar o derradeiro encontro da actividade PAPEL E PRATA baixo o título «Agarrar o pasado» cos directores Luis López Carrasco e Alejandro Gándara Porteiro. Esta actividade está comisariada pola Libraría NUMAX e subvencionada pola Deputación da Coruña. Para realizar a reserva hai que escribir ao correo de [email protected]indicando nome completo e un teléfono de contacto.