Cinema

Encontro A cor das palabras con Margarita Ledo Andión

Co inicio da primavera chega á nosa pantalla un dos filmes do ano no cinema galego: Nación. A película, que narra a loita das traballadoras da fábrica de louza de Pontesa, estará acompañda pola súa directora e socia de NUMAX, Margarita Ledo Andión que, o domingo 28 de marzo ás 11:30 ofrecerá o encontro A cor das palabras organizado polo Concello de Santiago en colaboración con NUMAX.

Tras A cicatriz branca (2012), a cineasta e socia de NUMAX Margarita Ledo Andión volver ofrecernos en Nación unha pescuda inspiradora sobre as mulleres galegas na segunda metade do século XX. Recuperando a historia da fábrica Pontesa, intercalando con habilidade exquisita imaxes de arquivo, testemuñas, reconstrucións ficcionadas e elementos da cultura popular, o filme é unha homenaxe a todas as mulleres que converteron a fábrica nun referente para a reivindicación dos dereitos das mulleres. Nación chega á gran pantalla tras a súa estrea oficial no Festival de Sevilla, onde foi galardoado co Premio á Mellor Dirección dun Filme Español. O filme de Margarita Ledo Andión formou tamén parte do 34 Festival Cineuropa, onde a cineasta foi recoñecida co premio Cineuropa á súa traxectoria, e vén de ser nomeado a Mellor Documental e Música orixinal nos Mestre Mateo 2021.

Margarita Ledo Andón é unha das figuras máis relevantes da cultura galega contemporánea, recoñecida co Premio Nacional da Cultura Galega pola Xunta de Galicia en 2008 e que ten destacado como xornalista, escritora, catedrática de comunicación, académica, cineasta e impulsora incansable de proxectos no activismo político e cultural.

A estrea do filme en NUMAX contará coa participación da directora e outros membros do equipo do filme, que ofrecerán presentacións e coloquios dos que daremos cumprida conta nas vindeiras datas. Ademais, fainos especial ilusión contar coa presenza de Margarita Ledo no encontro A cor das palabras, actividade organizada polo Concello de Santiago en colaboración con NUMAX, que achega ao público da sala ao universo creativo dalgunhas das creadoras máis suxestivas do cinema contemporáneo.

Baixo o título Apagando a escuridade... Ledo Andión adiántanos os contidos fundamentais do encontro: «Os momentos de existencia que os corpos traen canda sí para a pantalla; os lugares onde as cousas acontecen que son, asemade, dispositivos que moven a memoria e o desexo de non dar pasos atrás; a creba e o desexo inconmensurábel de sobordar o mutismo para sentirte enteira. Fálovos de NACIÓN e tamén de como se construíu este filme, das mulleres das fábricas de louza, de tecidos, das factorías de conserva, do ronsel dos meus outros filmes nesta película. Poesía, documento, reflexión histórica... con estas verbas que utilicei para presentar en 2004 Santa Liberdade singularizo, outra volta, NACIÓN».

A cineasta elaborou ademais un itinerario bibliográfico co que completar o encontro que podedes consultar aquí.

Inscricións e retransmisión en streaming

O encontro terá lugar o domingo 28 de marzo ás 11:30 no Cinema NUMAX. A entrada é gratuíta até completar aforo se ben recomendamos reservar butaca no correo [email protected]. Se non te podes achegar a NUMAX ou quedas sen entrada alégranos informarvos de que o encontro vai ser retransmitido vía streaming a través da nosa páxina de Facebook (@numaxcoop).