Encontro co cineasta xaponés Nobuhiro Suwa
O domingo 29 de abril ás 11:30 da mañá recibiremos unha visita moi especial. Nobuhiro Suwa, «o cineasta xaponés máis importante do século XXI» (Otros Cines Europa) ofrecerá un encontro co público no Cinema NUMAX dentro do programa «A cor das palabras. Encontros con cineastas» organizado polo Concello de Santiago en colaboración co Cinema NUMAX. A entrada é gratuíta e podedes reservar xa a vosa entrada no correo [email protected]
Nobuhiro Suwa chega especialmente desde Xapón para nos falar do proceso creativo do seu novo filme, O león dorme esta noite, que terá a súa estrea en salas de toda España o venres 27 de abril da man de NUMAX Distribución. Estreado na Sección Oficial de San Sebastián, O león dorme esta noite conta como gran protagonista co grande actor Jean-Pierre Léaud, que encarna a Jean, un nomeado actor de cinema, convocado a unha rodaxe no sur de Francia, moi preto da casa en que coñeceu na súa xuventude a Juliette, o grande amor da súa vida. Durante un descanso, aproveita para visitar unha amiga e percorrer os espazos de antano. Un grupo de nenos interrompe de súpeto a nostalxia que o axexa: preparan un filme de terror nas súas vacacións e comezan a perseguilo porque queren que Jean o protagonice. Este encontro, entre o que fora protagonista d'Os 400 golpes e os seus rebuldeiros sucesores, desencadea un conto fantástico inesperado e revelador bañado polo toque oriental característico do seu autor.
A sesión contará con tradución en director desde o xaponés grazas á colaboración da Casa Galicia-Japón. O encontro leva por título Un filme como un entroido, e conta entrada gratuíta até completar aforo. Podedes reservar xa a vosa entrada no correo [email protected], indicando nome completo e número de contacto.