Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación de «Obras públicas» de Marcos Lorenzo

Marcos Lorenzo presenta Obras públicas (Lorref) na Libraría NUMAX o venres 6 de xuño ás 19:30h. O autor estará acompañado por Dolores Vilavedra e Germán Labrador. A entrada é libre ata completar aforo.

 

Obras públicas é unha escolma de textos de Marcos Lorenzo publicados en diferentes revistas, blogues e folletos entre os anos 2006 e 2015. Unha sorte de apuntes ao natural sobre temas tan variados como a noción de liberdade, o fútbol, deus, a ciencia, o tabaco, a prensa ou a memoria, e sempre desde unha mirada antropolóxica non exenta de humor. Ao longo das súas páxinas desvélase cantos lugares comúns, perfectamente absurdos ou insignificantes, empregamos no noso pensamento cotián ou no debate público.

O capítulo final, Galicia en liquidación, bosquexa unha teoría sobre o proceso de modernización do país na segunda metade do século XX.

Con este libro inaugúrase a colección editorial Intemperie, dedicada a analizar o cambio social e cultural na Galicia das últimas décadas, así como a estimular a reflexión sobre os dilemas do presente ou as perspectivas de futuro.
 
Marcos Lorenzo (A Coruña, 1970) é economista con formación complementaria en antropoloxía. Investigador nos campos da cultura e da sociedade galega contemporánea, é membro do Consello da Cultura Galega e foi impulsor e coordinador académico do Posgrao en Xestión e Innovación Cultural da Universidade de Santiago de Compostela.
Entre outros títulos, é autor do libro de aforismos Liquidación de Existencias (Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2006), da biografía do poeta salvaxe Juan Carlos Valle “Karlotti”, Karlotti, un poema crónico (Axóuxere Editora, 2013), do ensaio sobre o estado da saúde mental en Galicia Dous escritos sobre a felicidade (Edicións Embora, 2021), e máis recentemente do libro de aforismos Enser (Editorial Galaxia, 2022). Así mesmo, foi co-autor do libro de entrevistas Pontes co diaño: encontros con Ignacio Castro (Corsarias Editora, 2015).