Libraría

A poeta arxentina Yamila Transtenvot presenta o poemario «Caminar sola»

A escritora Yamila Transtenvot presenta o mércores 27 de setembro ás 20h30 na Libraría NUMAX o seu libro «Caminar sola» editado por Pre-Textos Poesía. A autora estará acompañada pola poeta e escritora Lara Dopazo Ruibal. A entrada é libre ata completar aforo.

Transtenvot presenta no libro Caminar sola un percorrido poético pola memoria, un escalar no tempo para chegar á substancia infantil. Pero este encontro coa nenez dáse carente de toda idealización ou con constantes elementos de distorsión que bloquean a tentación recorrente de interpretar como un paraíso perdido aquel período. Un libro dominado por unha atmosfera inquietante, cun personaxe poético que se achega á infancia e que fai cada vez máis patente unha greta, a rasgadura de quen nunca sentiu partícipe da orde normal das cousas. O libro divídese en dúas seccións ou dous movementos: o inicio ou encontro coa material-memoria (unha aproximación); e o afastamento progresivo dese núcleo (un distanciamento), habendo claramente un nó ou territorio central, unha medula.

Yamila Transtenvot naceu en Bos Aires en 1987. Estudou Letras na Universidade de Bos Aires e Escritura Creativa na Universidade de Iowa. Os seus poemas foron publicados en Casa Vacía / Empty House (The Song Bridge Project, 2021) e na antoloxía poética Territorixs (Tipas Móviles, 2019), da cal tamén participou como editora. Esto no es lluvia foi semifinalista do Premio Estímulo a la Escritura 2021 na categoría dramaturxia. Trágico o la guerra gañou a residencia CASA en 2017 e foi seleccionada polo Encuentro de Dramaturgia Internacional Emergente. Colabora con distintas publicacións literarias en liña. Obra súa ten sido traducida ao inglés. Neste mes de setembro de 2023 saiu á luz o seu poemario Caminar sola na editorial Pretextos.