Cinema

O Cinema NUMAX atópase entre as 10 salas seleccionadas no «Abycine on the Road»

O mellor do Abycine (Festival de Cinema de Albacete) chegará á pantalla de NUMAX grazas ao «Abycine on the Road», unha iniciativa pioneira que porá en circulación algúns dos títulos máis suxestivos do festival albaceteño en dez salas seleccionadas de todo o país.

A organización do Festival Abycine vén de presentar o proxecto Abycine Lanza on the Road, unha anovadora iniciativa que ten como obxectivo acompañar a distribución e exhibición do cinema independente español creando unha rede de salas nas que, ao longo deste 2023, xirarán até dez títulos apoiados en 2022 polo Abycine Lanza Work in Progress. Estamos moi felices de anunciar que o Cinema NUMAX se atopa entre as dez salas seleccionadas, de maneira que durante este ano poderemos gozar en Compostela dalgúns dos títulos máis suxestivos do certame manchego. As dez salas seleccionadas son: Multicines Alkazar (Plasencia, Cáceres), Cineciutat (Palma de Mallorca), Arcca (Calahorra, La Rioja), Rambla de L´art (Cambrils, Tarragona), Multicines Cinemancha (Alcázar de San Juan, Ciudad Real), Cines Getxo (Vizcaya), Cines Arcos de la Frontera (Cádiz), La Laguna (Tenerife), Agrocalico (Medina del Campo, Valladolid) e NUMAX. Tamén se unirán como salas asociadas os Albéniz de Málaga e a Filmoteca de Cantabria.

Os dez títulos seleccionados nesta primeira edición de Abycine Lanza on the Road dos que, cando menos tres, serán estreados durante unha semana no Cinema NUMAX son: Samsara (Lois Patiño), Que nadie duerma (Antonio Méndez Esparza), Sobre todo de noche (Víctor Iriarte), Mi hermano Alí (Paula Palacios), La parra (Alberto Gracia), La desconocida (Pablo Maqueda),  Golem (Juan González e Fernando Martínez, alias Burnin´ Percebes), Alteritas (Alba Cros e Nora Haddad Casadevall) e Sica (Carla Subirana).

En breve daremos conta dos títulos e as datas do Abycine Lanza on the Road en NUMAX. Despegamos!